A imprensa conta a feira segundo a Feijóo lle foi nela

Unha ollada rápida á imprensa permite coñecer cal é a imaxe que de si propio lle interesa a Feijóo transladar da súa comparecencia esta cuarta feira no Parlamento galego para explicar a súa presenza no iate do narcotraficante de Marcial Dorado nunhas fotos tiradas en 1995, cando era alto cargo na consellaría de Sanidade


Após máis de dúas horas de comparecencia na Cámara do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, o máis interesante para as redes sociais foi a intervención do voceiro do grupo parlamentar do PPdG, Pedro Puy: o momento en que presentou a Feijóo como unha vítima do narco, sinalando que se "aproveitou" del para tirar recoñecemento público, foi trending topic en Twitter. Vexamos que foi o máis importante para a imprensa da Galiza e de Madrid.
 

  1. La Voz de Galicia reparte culpas: 'Gobernos do PP e do bipartito deron axudas a empresas de Dorado'

    É ese o titular que este xornal leva á súa capa, sinalando que o propio Feijóo recoñeceu que o seu partido financiara negocios do narcotraficante malia el desvincularse de todo. Enfatiza tamén que a oposición "segue a exixir a renuncia" do presidente da Xunta. No interior, a comparecencia na Cámara mereceu as tres páxinas do A Fondo.

    O titular, 'Feijóo admite o erro das fotos con Dorado e intenta pasar páxina'. A fotografía principal para as bancadas do PPdG, con Alfonso Rueda e Pedro Puy aplaudindo a intervención do seu xefe de filas. O texto, un recital das desculpas do presidente, recordando que o xuíz Taín dixo non apreciar indicios de delito nas escoitas telefónicas ao narco entre 2001 e 2003; as acusacións a Pachi Vázquez por lle ter pedido que esquecera o caso Campión; as relacións do BNG "con delincuentes de Batasuna" (tirado literalmente non da intervención de Feijóo, senón da información de La Voz). Así resume o xornal un debate que cualifica de "tenso". 

    Nunha páxina enteira coloca as 24 preguntas que Feijóo se fixo a si propio no Parlamento por considerar que eran esas as cuestións "que se poden estar a facer algúns galegos". A destacar: o presidente di que pasa con Dorado "momentos de ocio" mais que non é o seu amigo e que cadran sempre outras persoas coas que "coincido plenamente" e coas que "teño máis, menos ou ningunha confianza". Porén, con esta persoa que nin era amigo nin tiña confianza fixo catro viaxes aos Picos de Europa, Baleares, Tenerife e Portugal. 

    Hai tamén un destaque para a asociación contra a droga Desperta Cambados, que emprendeu unha recollida de sinaturas para exixir a demisión de Feijóo. A súa presidenta, Carmen Durán, abandonou chorando a Cámara galega após ouvir o presidente. A terceira páxina é para a oposición. Francisco Jorquera (BNG) sae mostrando a imaxe da equipa de fútbol da que morreron seis dos dez integrantes por culpa da droga e destacan que recriminase ao presidente por ter visitado "o executor" das vítimas. Pachi Vázquez (PSOE) aparece co dosier de imprensa dos anos '90 en que aparecen as informacións que vinculan a Dorado durante unha intervención que centrou en pedir a demisión e en negar que fora o seu partido quen filtrara as imaxes. Xosé Manuel Beiras (AGE) foi fotografado coas sinaturas que exixen a demisión e a información sitúa como "punto álxido" os seus laios cando se dirixiu á tribuna, onde presenciaban o pleno varias 'nais contra a droga'.
     
  2. Faro de Vigo opta polo 'con el bipartito más'

    Enfoca a información na mesma liña que o xornal anterior, mais enfatiza que o bipartito adxudicou máis axudas ás empresas de Dorado que Fraga. O resto do guión repítese: recoñece as viaxes, Pachi Vázquez pediulle esquecer a operación Campión, a imaxe das bancadas do PPdG aplaudindo, as mesmas imaxes dos tres voceiros da oposición e un destacado para o argumento vitimista de Pedro Puy. Faro de Vigo non fala de 'narcotraficante' senón de 'contrabandista' (Dorado foi condenado a 14 anos de prisión por narcotráfico) e dálle unha foto a manifestantes estafad@s coas preferentes que se colocaron diante do Parlamento para lanzar fariña á rúa. 
     
  3. La Región 'rodea' Feijóo coas peticións de demisión da oposición

    O xornal ourensán leva á capa unha imaxe do presidente da Xunta na tribuna do Parlamento e colocócalle arredor as declaracións da oposición pedindo a demisión. 'Feijóo admite que empresas do narco Dorado recibiron subvencións da Xunta' é o titular principal da información, que dentro queda diluído noutro en que o mandatario expía a súa culpa sinalando cara ao bipartito. A imaxe principal é tamén para os aplausos do PPdG e hai un destaque para Pachi Vázquez, ex alcalde do Carballiño, falando da conversa en que tería pedido a Feijóo que non presionase co caso Campión e que o xefe de filas do PSdG negou con rotundidade. 

    A outra páxina está dividida en catro e é para as catro forzas con representación no Parlamento. Os titulares, os que seguen: 'Nove anos de vida non caben en catro fotos' (Pachi Vázquez); 'Feijóo é a indecencia convertida en persoa' (X.M. Beiras); 'Por que puxo o seu cargo a disposición de Fraga?' (Francisco Jorquera); e 'A quen mellor retratan as fotos é á oposición' (Pedro Puy).
     
  4. El Correo Gallego emprega os termos de Feijóo e fala de "xuízo"

    "A oposición non me xulga. Xa me condenou cando gañei as eleccións de 2009". Con estas palabras concluía Feijóo a súa intervención no Parlamento. O diario local de Compostela recolle a testemuña e leva á capa unha foto dun presidente triunfal e sorrinte cos tres representantes da oposición máis pequenos e moi incomodados en cadansúa instantánea das súas intervencións. A imaxe máis acaída para o titular que colocan: 'Feijóo sale indemne do xuízo no Parlamento'.

    No interior 'Núñez Feijóo recoñece o seu erro e ensáñase coa hipocrisía da oposición', destacando que o bipartito deu subvencións ás empresas do narco e que Vázquez lle pedise deixar de lado a operación Campión. Tamén recolle as 24 preguntas que o presidente se fixo a si propio e en tres columnas resume as intervencións da oposición, destacando que seguen a reclamar a demisión.
     
  5. El Progreso e Diario de Pontevedra enfatizan o acto de contrición de Feijóo

    Os dous xornais locais do grupo El Progreso destacan nos seus titulares que o presidente da Xunta "pediu desculpas" e, malia recoñecer tamén que as empresas do narco recibiron subvencións da Xunta, sinalan cara ao bipartito para dicir que foi a etapa en que máis cartos se lle adxudicaron. Subliña tamén o contraataque emprendido contra as formacións da oposición nunha comparecencia fixada para que dera explicacións sobre as fotos na embarcación de Marcial Dorado.

    Os destaques: un para o 'Non é certo que me veu pedir que non seguiramos co caso Campión?' de Feijóo, outro para a indignación das nais contra a droga e o outro para 'Un Beiras en estado puro que non reprimiu o pranto'. A intervención dos catro grupos parlamentares aparece resumida en oito titulares, dous para cada voceiro.
     
  6. El País destaca no Editorial que o futuro político de Feijóo segue cuestionado

    O xornal de Prisa, que filtrou as imaxes co narco, dedica dúas páxinas a informar da comparecencia e tamén o Editorial, titulada 'Imprudente Feijóo' e na cal, malia sinalar que ter dado a cara "honra" o conservador, o seu futuro político "segue en entredito porque a sociedade non necesita confiar en quen demostra pouca prucencia".  

    'Feijóo admite que Dorado recibió dinero de la Xunta' é a cabeceira dunha noticia onde si aparecen as contradicións en que incorreu o titular do Executivo galego. Primeiro dixo que rachara relacións en 1998 e uns minutos despois recoñeceu que quizais entre 2001 e 2003, cando xa sabía que o seu "compañeiro de ocio" era un narcotraficante, quizais tivese falado con el e até podería telo chamado polas festas de decembro ou polo eu aniversario. "Non o podo lembrar", excusouse. Na dobre páxina coloca tres amplos destaques para a oposición. 
     
  7. El Mundo mete Feijóo nun espazo denominado 'Políticos baixo sospeita', canda Camps, Barberá e Bárcenas

    Titular para as subvencións que a Xunta outorgou ás empresas de Marcial Dorado e subtítulo para a "imprudencia". Unha imaxe moi pequena de Feijóo coa man no peito é a única que acompaña neste xornal unha información en que se destaca o recoñecemento desa relación entre o Goberno galego e os negocios do narco, relación que tiña adiantado xa Compromiso por Galicia ao sinalar cara a contratos asinados coa consellaría de Sanidade, da cal Feijóo era número dous de a bordo. Como novidade sinalan ter acceso a unha fonte do PSOE que explicou de maneira gráfica que "se Blanco cansou de ouvir a palabra 'gasolineira' Feijóo cansará de ouvir a palabra 'narcotráfico'" e que o caso se prolongará durante os vindeiros tres anos.
     
  8. ABC dedica 30 liñas á información; o resto da páxina é unha foto de Jorquera "verbalmente agresivo"

    O voceiro do BNG no Parlamento, Francisco Jorquera, coa foto da xeración perdida na man e sinalando co dedo cara ao escano de Feijóo. É a principal información que o xornal da ultradereita española tira da comparecencia de Feijóo na Cámara galega para explicar as fotos co narco. No breve texto que acompaña a Jorquera, este medio sostén que ao presidente galego lle tería vido mellor unha instantánea tomando unha caña na Arxentina "cun tal Bergoglio" --o novo Papa-- e que "poucos galegos se atreven a opinar que a imaxe --co narco-- ten por custo a demisión por moito que faga chorar a Beiras".

    O diario defende a Feijóo recalcando que "non se pode xulgar ninguén porque tomase cañas cun indesexable hai 20 anos" e carga contra o voceiro de AGE: "imaxino que chora porque non ten nada consistente con que botar a Feijóo ou porque, agás pola súa negativa temporal a declarar os seus bens, hai tempo que non sae na Prensa". Si, o ABC considérase a si propio e ao resto da caverna mediática española 'Prensa', con maiúsculo.

Comentarios