Membros da Iniciativa Galega van a San Caetano a exixir outravolta que Feijóo se reúna con eles

Os rexedores de Riotorto e Pobra do Brollón exixiron na Xunta que Núñez Feijóo non aplique o re-pagamento farmacolóxico a doentes crónic@s. Aliás, Federico Gutiérrez chamou a toda a cidadanía a participar na manifestación do 17 de novembro baixo o lema O copago mata.

María Xosé Abuín e Xosé Lois Maceda
photo_camera María Xosé Abuín e Xosé Lois Maceda

Desde que o alcalde de Ritorto, Federico Gutiérrez Estoa (BNG) enviou en nome da Plataforma galega pola gratuidade da sanidade unha carta ao presidente da Xunta para lle solicitar unha xuntanza, van xa 10 días e Alberto Núñez Feijóo continúa sen respostar. 

Perante esta realidade, o rexedor riotortense advertiu xunto cos alcaldes de San Sadurniño, Allariz e Ribadeo, perante o edificio da Xunta que acudirían semanalmente para lle exixir o mantemento dun encontro en que abordar "unha solución" ao decreto que implanta o re-pagamento de fármacos de prescrición hospitalaria para doentes crónic@s. 

Dito e feito. Esta quinta feira, Gutiérrez Estoa, o alcalde da Pobra do Brollón, Xosé Lois Maceda, e a secretaria xeral da CIG-Saúde, María Xosé Abuín, acudiron doutra volta a San Caetano para instar máis unha vez ao presidente da Xunta a se reunir con eles e lanzar un chamamento á cidadanía para secundar a manifestación que percorrerá as rúas da capital de Galiza o 17 de novembro baixo o lema O copago mata

A mobilización como eixo da resposta social

Esta mobilización, explicou o alcalde de Riotorto, visa ser "unha xornada de loita" que "abra a porta á seguinte" no que constitúe, dixo, "unha batalla" que abranguerá "diversas frontes" mais "que terá na rúa o seu eixo fundamental".

Federico Gutiérres (BNG): "Cando a inxustiza é a norma na acción de quen goberna a rebeldía convértese nun deber para o pobo"

Para o nacionalista, a actitude de Núñez Feijóo ao se negar a atender as demandas da iniciativa social pola gratuidade da sanidade supón un paradoxo para quen "se denominan pro-vida" mais que, insistiu o rexedor de Riotorto, "deixan morrer un cidadán por non poder pagar a medicación". 

Neste senso, asegurou que "cando a inxustiza é a norma na acción de quen goberna a rebeldía convértese nun deber para o pobo". Así, exixiron a derrogación do RD 210/2012 polo que se instaura o re-pagamento no transporte sanitario non urxente e produtos ortoprotésicos; a paralizar a resolución que estabelece o re-pagamento farmacolóxico hospitalario para doentes crónicos e graves e demandar do Goberno español que asuma tamén a devandita parálise. 

Asemade, sinalou a secretaria nacional da CIG-Saúde, María Xosé Abuín, exixen do presidente da Xunta que actúe como tal e poña en práctica as que son as súas competencias pois lembrou, "non é o delegado do goberno español". 

Comentarios