sábado 16/10/21

Entra en funcionamento o chamado Eixo Atlántico, que marxina Ferrol

A nova liña que une Vigo e A Coruña exclúe do seu trazado a conexión con Ferrol e coa fronteira portuguesa, o que supón un 64% do percorrido previsto no proxecto inicial.

Estación de tren da Coruña (Foto: X.Lorenzo)
Estación de tren da Coruña (Foto: X.Lorenzo)

 

Nin Eixo Atlántico nin liña de Alta Velocidade. O novo trazado ferroviario entre Vigo e A Coruña entrou en funcionamento este sábado, após 15 anos de investimentos, excluíndo a conexión con Ferrol e coa fronteira norte de Portugal. Unha cuestión que obviaron tanto os responsábeis da Xunta como do Goberno central na presentación do proxecto. 

“O Eixo Atlántico, o corredor ferroviario que decorre de norte a sur polo litoral atlántico entre Ferrol e a fronteira con Portugal ao longo de 241 quilómetros, porase en servizo esta mesma semana”, anunciaba o Ministerio de Fomento en nota de prensa. Na mesma liña insistiu o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, durante a viaxe inaugural do trazado.

A liña que une Vigo e A Coruña non acadará velocidades de 300 quilómetros por hora, como si ocorre noutros corredores do Estado.

Nada máis lonxe da realidade. O chamado Eixo Atlántico que se inaugura cubrirá só 158 quilómetros, un 64% do percorrido proxectado inicialmente. Desta forma, o tempo de viaxe para facer os 63 quilómetros que separan Ferrol e A Coruña, que hoxe supera os 72 minutos, será similar ao que tarde un usuario ou usuaria en viaxar entre Vigo e A Coruña coa nova conexión, a máis do dobre de distancia. 

As obras arrancaron en 2001, pero ficaron varadas coa crise económica, o que serviu de escusa para recortar o plan orixinal. Durante case 15 anos, os investimentos superaron os 180 millóns de euros, parte deles aportados pola comunidade autónoma malia ser unha obra considerada de “interese xeral”, que obrigaría a ser financiada por completo polo Estado. 

Tampouco será de Alta Velocidade

Foi en 2013 cando se desbotou a posibilidade de renovar o tramo entre Ferrol e A Coruña, que data do ano 1912. Fomento consideraba que “non estaba confirmada a viabilidade económica da actuación a curto prazo”. Durante máis dun século, non se fixo ningún investimento para mellorar un trazado, cheo de pendentes e curvas, cuxo deseño é do século XIX. 

Neste senso, foron rexeitas as peticións de melloras da liña actual entre Betanzos e Ferrol. Cun investimento de pouco máis de tres millóns de euros, podería reducirse un cuarto de hora o tempo entre cidades e mellorar as frecuencias, segundo os estudos presentados.

Outra das grandes críticas, fronte as declaracións dos líderes do PP en Santiago e Madrid, é que o proxecto de Alta Velocidade non será tal. A liña que une Vigo e A Coruña non acadará en ningunha parte do percorrido os 300 quilómetros por hora, como si ocorre noutros corredores de Alta Velocidade do Estado español. 

Defiencias graves no trazado

O comité de empresa de Adif e o sindicato CGT denunciaron este sábado as "deficiencias" do novo traxecto que unirá A Coruña e Vigo. Alertaron de "perigos potenciais" na estación de Arcade, onde se permite a circulación dos trens a 180 quilómetros por hora.

Ademais, advirten de que a nova estación de Urzaiz, en Vigo, abriuse tras una inversión "faraónica" malia ter "graves deficiencias estruturais en humidades, así como incluso de salubridade". Tamén na estación de Redondela, onde non hai persoal asignado. Consideran que a celeridade da posta en marcha do servizo "obedece unicamente a motivos electorais".

Sobre este tema, publicamos no Sermos Galiza 141 unha reportaxe e un artigo de opinión da autoría do xornalista X.Lorenzo e de Francisco Rodríguez, portavoz do BNG no Congreso dos Deputados entre 1996 e 2008, respectivamente.

 

comentarios