Educación continúa co despedimento do profesorado dos CELGA malia as declaracións xudiciais

A pesar de que as inspeccións de traballo e os tribunais do social declararan nulos os despedimentos do profesorado dos CELGA, a Consellaría de Educación continúa coa súa política de despedimentos, segundo denuncia a CIG-Ensino

A CIG-Ensino anuncia que continuará presentando demandas nos xulgados do social e mobilizacións para reclamar que cese a política que a Consellaría de Educación está a levar co profesorado dos cursos CELGA e que definen como de “atropelo aos dereitos máis fundamentais de calquera traballador/a”.

O sindicato nacionalista do ensino denuncia que a Consellaría continúa a despedir o profesorado que estaba impartindo cursos preparatorios para a obtención dos certificados de lingua galega, Celga, así como de linguaxe adminsitrativo. Na propia orde do 0 de agosto na que se convocan os cursos, a Consellaría fai efectivo o despedimento do profesorado que impartía os cursos. 

“Esta actitude da Consellaría é aínda máis condenábel se temos en conta que as inspeccións de traballo e agora os tribunais do social están declarando como nulos os despedimentos do profesorado que se deixou de contratar e que viña impartindo estes cursos, o que significa que terían que ser readmitidos no momento en que estas sentenzas se convertan en firmes”, sinala o secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, quen lamenta e denuncia que a Consellaría estea a ampliar a “actuación fraudulenta e contraria á legalidade” tamén aos cursos de linguaxe específica. 

O profesorado do CELGA estivo durante anos sen contrato e sen dereito ás cotizacións da Seguridade Social ou a percibir o subsidio de desemprego, malia seren formados para o fin de impartir os cursos de galego pola propia administración. Con estas novas accións da Consellaría, para a CIG “non só está despedindo profesorado e impedindo o exercicio dos dereitos laborais fundamentais aos traballadores e traballadoras afectados, senón que é unha forma máis de continuar coa súa política de ataque ao noso idioma e aos colectivos da administración”. 

Comentarios