Convocan unha concentración este sábado con casco pola defensa de Ferrol Vello

A Comisión Cidadá pola Recuperación de Ferrol Vello convoca unha concentración o próximo sábado día 8 ás 13.00 horas na Praza Vella en solidariedade coa veciñanza desaloxada e contra o abandono do barrio no que, hai dous días, derrubouse a casa natal de Carvalho Calero. 

Foto: Artâbria
photo_camera Foto: Artâbria

O barrio esmorece e e a Comisión Cidadá pola Recuperación de Ferrol Vello quere poñerlle freo á destrución que aumenta día a día. Con este obxectivo, convocan unha concentración o próximo sábado día 8, ás 13:00 horas na Praza Vella no que queren denunciar o abandono tanto da Xunta como do Concello. A concentración mostrará tamén a solidariedade coas persoas que foron  desaloxadas hai dous meses das súas vivendas na rúa Carme Curuxeiras. A convocatoria diríxese a toda a cidadanía xa que entenden que a destrución do patrimonio e do barrio que orixinou a cidade afecta á totalidade da veciñanza. 

A Comisión Cidadá creada para defender o barrio considera que a caída da medianeira que derrubou aínda máis a casa natal de Carvalho Calero fai aínda máis urxente a mobilización. Lamentan que o Concello non mantivera a vivenda natal do escritor “en axeitadas condicións de seguridade e estabilidade, incumprindo así os deberes que lle son esixibles como propietario”. O Concello adquiriu o inmóbel hai tres anos e non iniciou a rehabilitación cos fondos Urban o que, ao seu ver significa, “unha absoluta falta de vontade política na mellora do barrio e na recuperación dunha parte importante da historia da cidade”.

Rúa Carme Curuxeiras

¡
Atención terán na concentración as persoas que foron desaloxadas da rúa Carme Curuxeiras consecuencia, segundo denuncian, da falta de eficacia do Concello por non terlle esixido aos propietarios rehabilitar os inmobles, e consentindo o abandono no que agora se atopan. As propiedades abandonadas contribúen, segundo a súa opinión, á maior destrución do barrio. 

A Comisión Cidadá solicita que, quen poida acuda á concentración con casco, malia anunciaren que porán algúns a disposición das persoas asistentes. Trátase dunha medida de seguridade. 

Comentarios