Bota o fecho a Fábrica de Armas da Coruña, condenada desde que Aznar vendeu a empresa a General Dynamics

Co remate da última quenda de traballo, ás dúas e media, a Fábrica de Armas da Coruña botou o fecho despois de setenta e seis anos de existencia aínda que as mobilizacións contra esta decisión continuarán. Os 69 traballadores que non se acolleran a baixas incentivadas víronse na obriga de asinar as cartas de despedimento. 

Manifestación pola Fábrica de Armas
Manifestación pola Fábrica de Armas

Os 69 traballadores que non se acolleron con anterioridade ás baixas incentivadas do ERE asinaron a carta de despedimento facendo constancia da súa oposición ao peche da fábrica máis de setenta e cinco despois da súa inauguración. A Fábrica de Armas fora privatizada polo goberno do PP, sendo Aznar presidsente,  pasando ás mans da multinacional estadounidense General Dynamics que agora pecha a factoría da Coruña. 

Como despedida, unha roda de prensa ás portas da fábrica deixaba á vista o rexeitamento dos representantes dos traballadores diante do peche da empresa. O presidente do comité de empresa Roberto Teijido lamentou que os traballadores se atoparan “orfos de presidente, esta é unha decisión empresarial pero cunha grande carga política, tanto na decisión que avala o Ministerio de Defensa como na falta de decisión da Xunta de Galicia” sinalou despois de definir a situación de “xenocidio industrial”. Lamentou tamén que o propio Feijóo desdiga a posición dos conselleiros de Industria, Traballo e o Igape que deron o visto bo ao plan industrial que frearía o peche da fábrica. 

Mália que o das 14.30 horas foi a derradeira quenda de traballo, anuncian a continuación das mobilizacións para defender un proxecto industrial como alternativa ao peche. Mantiñan a intención de se pechar nas instalacións da factoría rexida pola General Dynamics que ofreceu a quince traballadores a posibilidade de se trasladar a Granada, oferta que foi aceptada por tres persoas. Fixeron tamén un chamamento á cidadanía para que se sume á oposición ao peche da fábrica e participe nas mobilizacións. 

Comentarios