A CIG reclama con concentracións en Alcoa, Megasa ou Ferroatlántica unha tarifa eléctrica galega

A CIG esixe unha tarifa eléctrica galega con actos de protesta nas industrias de gran consumo enerxético. Para o día 16 de xaneiro convócanse concentracións diante dos concellos. 

Concentración pola tarifa eléctrica galega
photo_camera Concentración pola tarifa eléctrica galega

Concentracións en Alcoa, Megasa, Ferroatlántica, Celsa Atlantic e SGL Carbón convocadas pola CIG reclamaron a aplicación dunha tarifa eléctrica galega co fin de consolidar o tecido industrial e manter os milleiros de empregos que xera o sector. A central nacionalista reivindicou en distintas industrias con grandes consumos enerxéticos unha tarifa eléctrica galega por medio de concentracións que esixían favorecer desta maneira o sector e conservar os postos de traballo. 

O Secretario Comarcal da CIG, Xabier Filgueira, reclamou a retirada do ERE  de Alcoa e esixiu do Goberno español e o Ministerio de Industria “unha alternativa que pase por garantir a actividade industrial e o mantemento do emprego nestas empresas”

“De non modificarse o actual sistema eléctrico e o sistema de tarifas, poderiámonos atopar nun futuro con que a problemática á que hoxe se enfrontan os traballadores/as de Alcoa da Coruña se traslade a outras empresas que tamén teñen grandes consumos enerxéticos. De aí, a radical importancia de que teñamos unha Tarifa Eléctrica Galega que posibilite uns prezos máis baixos para defender o noso tecido produtivo”, sinalou Filgueira no transcurso da mobilización. 
 
Pola súa parte, o Secretario Comarcal da CIG de Ferrol, Manel Grandal, destacou a especial relevancia que o tema ten para dúas industrias da comarca como son Poligal ou Megasa, que anunciou un expediente de despedimento colectivo. Segundo dixo, se non se rebaixan os custes enerxéticos está en perigo nun futuro próximo o peche das dúas factorías. “A destrución de emprego que isto implicaría, alertou, resultaría intolerábel nunha comarca especialmente castigada pola crise, coa taxa de desemprego máis elevada de Galiza e que camiña cara converterse nun deserto industrial”, sinalou. 

Protestas nos concellos o 16 de xaneiro
 
A central nacionalista puxo como exemplo o pacto do PNV co Goberno español para modificar a definición da alta tensión coa conseguinte rebaixa das peaxes do 50% en dous anos e o aforro de arredor de 30 millóns de euros fronte á afirmación do goberno central de que non apoiará tarifas diferenciadas no territorio español. 

Ademais das concentracións nas empresas afectadas polo prezo da enerxía, a CIG promoverá posicionamentos das corporacións locais e mobilizacións nos concellos. A primeira xornada de mobilizacións está prevista para o vindeiro 16 de xaneiro ás 19 horas diante das casas dos concellos.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Máis en Galiza
comentarios