Cada día menos, con 10.000 mortes máis que nacementos

As mortes rexistradas na Galiza en 2012 superaron en 10.000 aos nacementos. A crise agudiza o saldo negativo da poboación galega cunha redución de nacemento dun 2,2 % con respecto ao ano anterior. 

Escola infantil
photo_camera Escola infantil

Dos 314 concellos só en 26 houbo máis nacementos que mortes. Segundo datos feitos públicos polo Instituto Nacional de Estatística, a poboación galego experimentou no pasado ano un saldo negativo que afonda na sangría demográfica cunha redución de nacementos dun 2,2%. 

No pasado ano naceron 21.113 crianzas fronte ao ano anterior que viñeran ao mundo 21.594. As defuncións foron 31.161, un número moi superior aos 29.879 do 2011. A fenda establécese así nun saldo negativo de 10.000 persoas, o que agrava a crise demográfica que o país leva tempo padecendo. O INE sitúa así a Galiza na cola da listaxe en tanto saldo vexetativo, cun menos 10.048, situándose na cabeza Madrid con 25.293 persoas máis. 

Por concellos, Ames -cun saldo positivo de 200 persoas- encabeza a cativa listaxe dos concellos nos que a poboación medra a seguir de Arteixo, Culleredo, O Porriño, Salceda, Santiago e Pontevedra. En Ferrol, os efectos da crise fanse notar cun saldo negativo de 430 máis enterros que partos. 

Comentarios