"Se isto me pasase a min non tería que demitir; unha parella da Garda Civil iríame buscar á casa". Así de taxativo se mostrou o ex vicepresidente da Xunta de Galiza, Anxo Quintana, nunha breve conversa mantida esta terza feira nos micros da Cadena Ser. As fotografías da campaña electoral "de descrédito" que en 2009 publicara o diario español ABC, tomadas un ano antes de que el chegase ao Goberno, volven estar de actualidade após saíren ao prelo outras instantáneas en que o xefe do Executivo galego aparece descansando na embarcación do narcotraficante Marcial Dorado.
"Eu deixei a política, mais a política non me deixou a min", sinalou o nacionalista, quen se confesou farto das comparacións "que din que estas fotos son iguais ás miñas ou que son moito peores", así como de ouvir "mentiras" con que aínda a día de hoxe determinados medios de comunicación xustifican a imaxe de Quintana no iate de Jacinto Rey, propietario da construtora San José, como parte dunhas xuntanzas en que o ex vicepresidente e o empresario 'amañaban' o concurso eólico.
Traballa na Coruña, mais a imprensa di que está no Brasil como delegado de San José
"As fotos foron tomadas un ano antes de que eu estivese na Xunta e cinco anos antes de que se convocase o concurso eólico", recalcou, para arremeter deseguido contra a radio pública española, RNE, pois, segundo dixo, aínda na tertulia desta terza ubicaron a Quintana no Brasil, traballando como delegado da construtora San José. "Traballo como autónomo e estou na Coruña", corrixiu.
Malia dicir que "eu de política nunca souben moito e agora cada vez menos", o nacionalista considerou que as imaxes das férias e das viaxes co narco deixan Feijóo "nunha posición complicada", espetando a renglón seguido que, de ser el o protagonista desas fotografías, "non tería que demitir porque unha parella da Garda Civil iríame buscar á casa". O trato que a imprensa e a opinión pública están a lle dispensar a Feijóo, xustificando e exculpando a súa presenza nese barco, "si que sinto que é algo discriminatorio" respecto do que el recibira en 2009 após aparecer no iate do construtor.
Chegar 1.000 números sen ti sería imposíbel!
Facer un xornalismo crítico sen máis ataduras que as que nos unen á promoción e defensa dos intereses galegos precisa da túa colaboración. Subscríbete.