Anuncia a compra do Banco Etcheverría con dous chíos

O sistema bancario galego non parece ter acougo. Á liquidación de Novagalicia Banco e á compra do Pastor por parte do Banco Popular, únese agora a compra do Banco Etcheverría.
Juan Carlos Escotet
photo_camera Banco Echevarría

A compra da entidade bancaria fundada en Betanzos en 1717, sendo o banco máis antigo de todo o estado, anunciouna Juan Carlos Escotet, presidente do Grupo Internacional Banesco, a través da rede social twitter. Bastaron dous chíos para que saltase a noticia “Banesco firmó ayer una alianza con el Banco Etcheverría, el decano de los bancos españoles. Casi 300 años de fundado” para agregar que “Banesco y el Grupo Etcheverría se proponen hacer de este el primer banco de la Comunidad de Galicia.”. 

Mais tarde, unha nota de imprensa de Banesco informou que Javier Etcheverría continúa como presidente do banco galego e que o actual conselleiro delegado, Francisco Botas, lidera a xestión do proxecto.

Na actualidade o banco fundado polo vasco-francés Juan Etcheverry, cuxo apelido foi transformado en Etcheverría para o adaptar á grafía castelá, dispón de oficinas en toda Galiza e conta cun plan de expansión que inclúe a apertura de oficinas nalgunhas cidades do estado. O banco está especializado -segundo os seus propios anuncios- na banca persoal, con tratamento aos clientes de forma individualizada.

Na comunicación de Banesco tamén se afirma que "La entrada de Banesco incluye la compra del 44% de NGB y uno de los objetivos fundamentales es potenciar la financiación a particulares y pymes gallegas" para sinalar a continuación que a alianza permitirá abrir 50 oficinas e criar 200 postos de traballo.

Comentarios