Anpas acusan a Xunta de mentir no caso de Viveiro para afastar as nais e pais do ensino

A redución do persoal imposta por Educación é a causa, segundo as Anpas, da mobilización das familias no IES Vilar Ponte de Viveiro. Acusan así a Xunta de mentir. 

Aula Baleira

“Mentira orquestrada” pola administración educativa da Xunta de Galiza. Así definen desde a federación de Asociacións de Nais e Pais  os argumentos da Consellaría de Educación no caso do IES Vilar Ponte de Viveiro, no que impuxeron un equipo de dirección novo de forma unilateral. Acusan tamén á Xunta de querer afastar ás familias dos centros de ensino nunha xestión que cualifican de “antidemocrática”. 

Todo o que está a ocorrer no IES Vilar Ponte trae causa da redución de persoal imposta pola consellaría de educación no principio deste curso escolar”, explican desde as Anpas dunha situación que conduciu á dimisión do equipo directivo e ao posterior nomeamento por parte da Consellaría dunha nova dirección “rexeitada tanto polo claustro como polas familias do centro”, din.

Censuran a denuncia "con falsidades" a dúas nais que, afirman, só querían defender a calidade de ensino dos seus fillos

Denuncian desde as Anpas que os recortes de persoal son “xa absolutamente imposibles de cubrir cos efectivos existentes, e están afectando a todo o territorio galego” e, por outra parte, que os nomeamentos unilaterais de direccións por parte da Administración “terán resultados caóticos para o ensino público”. 

Poñen en cuestión desta maneira a “concepción democrática da xestión do ensino público”, e consideran que a Consellaría está a camiñar cara á eliminación das familias do ensino público e, nese obxectivo sitúan a denuncia “con falsidades” a dúas nais que, segundo afirman, só querían defender a calidade de ensino dos seus  fillos. Aseguran, malia iso, que non “calarán a boca diante dunha administración que mercantiliza o noso ensino público” e reclaman, máis unha vez, a súa presenza nos centros escolares.

CIG-Ensino

Por súa parte, CIG-Ensino emitiu esta terza feira un comunicado para expresar a súa solidariedade coas dúas nais da Anpa denunciadas.

O sindicato nacionalista continúa a exixir que o centro sexa dotado cunha profesora ou profesor de lingua española tal e como prometera a administración galega que faría.

Aliás, a CIG pon de manifesto que o "procedemento do nomeamento da nova dirección foi ilegal" porque, argumenta, "vulnerou a lexislación vixente".

A lei obriga a Administración a ouvir a voz do claustro de profesoras e profesores antes de proceder ao nomeamento dunha directora ou director, trámite este que non se cumpriu no IES Vilar Ponte.

A CIG-Ensino presentou esta segunda feira unha reclamación "perante a Xefatura Territorial" para se revogar o nomeamento.

Comentarios