AMAIUR dá as grazas ao BNG por non secundar o veto interposto polo PSOE contra a esquerda abertzale

Amaiur, a coalición soberanista basca, vén de dar as grazas ao BNG, através do seu twitter oficial, logo da formación nacionalista non ter secundado o veto interposto polo PSOE contra a esquerda basca
amaiur
photo_camera amaiur

"O BNG tampouco secunda o veto contra Amaiur. Moitas grazas. Eskerrik Asko", di Amaiur no seu chío.

O grupo parlamentar do PSOE -por decisión do seu secretario xeral, Alfredo Pérez Rubalcaba- negouse a aceitar que Amaiur asinase o recurso ao Tribunal Constitucional que as forzas políticas da oposición parlamentar negociaron esta semana contra o decreto de non actualización das pensións.

Ao axir deste xeito, o PSOE impediu que por vez primeira na historia parlamentar o conxunto da oposición asinase conxuntamente un recurso ante o Tribunal Constitucional.

Xesto profundamente antidemocrático

O Bloque Nacionalista Galego, ben como Esquerra Republicana de Catalunya, optou por non secundar o veto por o considerar un xesto profundamente antidemocrático ao se arrogar o PSOE, escoltado por UPyD, a faculdade de determinar que forza política é democrática e cal non o é.

Para a forza nacionalista galega, Amaiur -que é hoxe a segunda forza política en Euskadi- ten plena lexitimidade democrática para actuar conxuntamente co resto da oposición no Congreso dos Deputados.

Izquierda Unida, Partido Nacionalista Vasco e Convergència i Unió si asinarán o recurso e por tanto, si transixiron co veto.

Comentarios