mércores 30/09/20

Concellos do Deza visitan a planta de reciclado de Lousame para coñecer alternativas a Sogama

Lalín, Agolada, Dozón, Silleda, Rodeiro e Vila de Cruces visitaron xunto con representantes de ADEGA e [email protected] na xestión de residus da Universidade da Coruña as instalacións da planta de Servia á que Rianxo xa se sumou como alternativa a Sogama. 

Após a saída de Rianxo, onde a equipa municipal e o seu alcalde, Aldolfo Muíños (BNG), apostaron pola reciclaxe e a compostaxe como alternativa á incineración; son máis os concellos que se interesan pola planta de xestión de residuos xerida pola Mancomunidade do Barbanza. 

Este é o caso dos alcaldes de Lalín, Agolada, Dozón, Silleda, Rodeiro e Vila de Cruces que visitaron as instalacións da Mancomunidade en Servia (Lousame). Alí, persoal da planta, integrantes de ADEGA e [email protected] en xestión de residuos da USC explicaron aos rexedores dezáns cal é o proceso que segue o lixo recollido nos concellos que integran a Mancomunidade do Barbanza. 

Desde a recollida selectiva da materia orgánica e demáis fraccións, pasando pola clasificación en planta dos materiais inertes e a fermentación natural da materia orgánica para producir compostaxe, "o sistema da Mancomunidade de Concellos Serra do Barbanza está a anos luz de SOGAMA e cumpre a día de hoxe coas esixencias da Directiva de Residuos para 2020" da UE, apuntan desde ADEGA. 

Unha iniciativa "perfeitamente trasladábel" ao Deza

É por iso que desde a organización ecoloxista apoia este tipo de encontros, en grande medida encamiñados a amosar que os trazos dos concellos que constituíron a Mancomunidade "tamén se dan en moitos concellos da comarca do Deza" polo que, afirman, unha iniciativa parecida sería perfeitamente trasladábel a aquela. E en canto aos custos, a compostaxe ten unha tecnoloxía branda, escalábel e moi sinxela". 

A planta de Lousame crea 150 postos de traballo fixos para 35.000 toneladas de residuos

A suba do canon de Sogama, que comezará a se pagar en marzo, urxe alternativas aos concellos que amosaron o seu rexeitamento, non só á suba do prezo do servizo, senón tamén ao modelo de incineración promovido polo Partido Popular. Tamén así, apuntan desde ADEGA, os rexedores do Deza "amosaron a súa sorpresa pola cantidade de postos de traballo que xera o sistema da compostaxe: 150 fixos para 35.000 toneladas de residuos tratadas anualmente na Mancomunidade do Barbanza" o que converte a planta de Lousame nun "sistema sinxelo, barato e intensivo na creación de emprego". 

Así, animan a que os concellos que procuren unha alternativa ao "taxazo de Sogama" teñan "valentía política" e primen a "compostaxe" face a incineración. 

comentarios