xoves 21/10/21

A TVG insire unha publireportaxe a prol de Corcoesto após a información sobre a marcha contra a mina

Unha auténtica publireportaxe a prol de Corcoesto foi divulgada hoxe pola TVG no Telexornal-1. Após unhas breves imaxes da marcha contra a política mineira da Xunta, a TVG prestou a voz a persoal da empresa canadiana que tenciona abrir unha mina de ouro a ceo aberto en Corcoesto.

Menos de 2 minutos dedicou o informativo da TVG á multitudinaria manifestación realizada en Santiago contra a política mineira da Xunta de Galiza. En contraste, e unha vez concluído o vídeo sobre a marcha, o telexornal inseriu unha auténtica publireportaxe a prol do proxecto de Corcoesto. As cámaras da TVG viaxaron a Asturias nun desprazamento organizado por Edgewater Exploration LTD, a compañía que tenciona explotar o ouro galego, e no que tamén tomaron parte veciños das zonas de Bergantiños que se verán afectadas pola mina.

Que obxectivo tiña Edgewater con esta viaxe a comarcas asturianas atinxidas por explotacións mineiras supostamente similares ás de Corcoesto? Persuadir á opinión pública de que o proxecto é virtualmente inocuo para a natureza e para os sectores produtivos, nomeadamente o primario. A TVG prestouste a este propósito e cedeu a voz a un asesor da empresa e a o director técnico do proxecto de Corcoesto. Tamén a veciñ@s que expresaban sintonía coa compañía.

A publireportaxe ocupou 2 minutos e 13 segundos, máis tempo do dedicado á multitudinaria marcha de Santiago.

comentarios