15-S: O BNG sae á rúa 'Por unha Patria soberana'

O BNG convoca este domingo ás 12.00h unha manifestación para "pór no seu sitio" aos gobernos da Galiza e Madrid e demandar "poder de decisión" como ferramenta para saír da crise

Bandeira galega
photo_camera Bandeira galega

Baixo o lema 'Por unha Galiza soberana', a fronte nacionalista convoca unha mobilización para "frear" o "deterioro da situación económica", mais tamén social e política. "No BNG cremos que a única forma de facer política de esquerdas", afirmou o seu portavoz nacional Xavier Vence, "e de pór a economía ao servizo da cidadanía" é "termos poder de decisión". Neste senso, para a organización frentista "a soberanía non é un elemento accesorio", senón que, pola contra, "é a chave para promover políticas activas de emprego, na defensa da nosa industria, políticas de innovación, manter programas de investigación..."

Vence: "A única forma de facer política de esquerdas é termos poder de decisión"

Para o BNG esta mobilización é "unha oportunidade para pór de manifesto que Galiza non é un pobo submiso", asegurou en conversa con este medio a deputada nacionalista no Pazo do Hóeereo, Ana Pontón. "Coa mesma dignidade que a amosada polo pobo catalán, sairemos á rúa para reivindicar que existimos e que só desde Galiza poderemos pór solución aos múltiples problemas que temos", acrecentou.

Para a organización frentista nun momento como o actual, de involvución social e regresión política, "ou temos capacidade real de decisión e rescatamos a democracia ou continuará avanzando este marco de regresión e de ataque aos dereitos sociais". 

Desempregad@s, emigrad@s, operari@s, estudantes, estafad@s polo calote das preferentes... tomarán a palabra na Quintana

Así, desde as rúas persoas de todo o país están chamadas a tomar parte dunha manifestación que se prevé será multitudinaria. Destarte, as razóns de cada unha delas para acudir a Compostela en resposta á convocatoria lanzada polo BNG sonmúltiples, as máis das veces motivadas por situacións persoais moi variadas. Porén, tod@s coinciden en apuntan que "razóns hai moitas para saír á rúa", nesta convocatoria "e en tantas outras", salientaba unha traballadora do telemarketing afincada en Vigo. Esta moza ten claro que está na Alameda "como muller, como traballadora e como galega". 

Desempregad@s, emigrad@s, operari@s, estudantes, estafad@s polo calote das preferentes e pensionistas @s que lles queren roubar os seus aforros, representantes de conflitos laborais como T-Solar ou o naval, feministas, ecoloxistas, integrantes do movemento cultural, asociativo e veciñal... tomarán parte da primeira grande manifestación após o verán, unha mobilización que visa, recoñecen desde o Bloque, "facer oposición" onde "mellor podemos facela", din, "reivindicando os dereitos nacionais e sociais que son dúas caras dunha mesma moeda". 

Comentarios