12 do 12 do 12... C.E.F.

Será o día de Celso Emilio Ferreiro. Con motivo do centenario, polo país enteiro soará a súa poesía, nunha homenaxe colectiva que terá o seu cerne nos centros de ensino, nunha convocatoria da Coordinadora de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística. Non será a única. Ramón Nicolás, Aser Álvarez, Xiana Arias, Luz Fandiño e O Leo participarán na homenaxe Lembrando a Celso Emilio Ferreiro, ás 20.30 no restaurante Rúa de Compostela.
CEF
photo_camera CEF

O día 12 de decembro do 2012 Celso Emilio Ferreiro será o protagonista e, sen dúbida, o nome máis lembrado da nosa cultura. Os seus versos deixaranse ouvir polo país enteiro e, xa entrada a noitiña, algúns dos nomes máis relevantes deste centenario daranse cita no restaurante Rúa, na Rúa de San Pedro de Compostela, para participaren na homenaxe “Lembrando a Celso Emilio Ferreiro”.

Unha mesa redonda e un recital completarán a xornada de homenaxe de Compostela. Ramón Nicolás máis Aser Álvarez, sen dúbida dous dos nomes que máis soaron neste ano na recuperación e lembranza da homenaxe ao poeta estarán xuntos nesta lembranza de peche do ano. A Ramón Nicolás débeselle a monumental biografía que nos achega de forma completa e rigorosa a vida do autor de Longa Noite de Pedra e a Aser Álvarez o documental 100% CEF, que esta cuarta feira estrea a TVG e que xira arredor da vida do escritor.

Xiana Arias e Luz Fandiño, entre outras persoas, porán voz aos seus versos nunha homenaxe que rematará coa intervención de O Leo, música para os poemas do escritor nacido en Celanova.

Comentarios