Que ten a ver a Xunta con Hidralia, a empresa que viola os dereitos humanos en Guatemala?

O propietario de Hidralia, Luis Castro Valdivia, foi o principal beneficiado da enxurrada de concesións hidroeléctricas feitas por un goberno de Fraga que estaba xa en funcións. Entre 1999 e 2005, cando o seu cuñado Ramón Ordás foi director xeral de Industria, o seu nome apareceu vinculado a 35 sociedades do sector. A oposición no Parlamento exixe saber en que tratos anda o Goberno galego con esta empresa. Contámoschos 

photo_camera Protesto contra Hidralia no departamento de Huehuetenango, Guatemala


A visita esta semana a Galiza das activistas guatemaltecas Natalia Atz e Paula Irene del Cid serviu para tomar conciencia da situación pola que atravesan as 23 comunidades indíxenas ameazadas por un proxecto de Hidralia, con sede na Coruña e que pretende instalar unha hidroeléctrica nunha corrente de auga sagrada. 

A violación dos dereitos humanos continuada que exerce o persoal vinculado a esta empresa, con persecucións, ameazas, secuestros, violacións e agresións sexuais ás mulleres, represión e asasinatos, fora denunciada xa en agosto de 2012 no semanario Sermos Galiza, coincidindo cunha acción realizada na Galiza por activistas feministas en solidariedade coas mulleres de Barillas, onde se quere explotar a hidroeléctrica.

A oposición no Parlamento pide explicacións á Xunta

Atz Sunuc, da organización Ceiba, que xestiona proxectos de soberanía alimentar e desenvolvemento man a man coas comunidades indíxenas; e Del Cid Vargas, da organización feminista La Cuerda, mantiveron esta quinta feira unha reunión con todas as forzas da oposición que teñen representación no Parlamento galego.

BNG, AGE e PSdG transladaron o seu compromiso de preguntar á Xunta pola relación que mantén con Hidralia e o seu propietario, Luis Castro Valdivia, que ten de aliado o presidente de Guatemala, o ex xeneral Otto Pérez Molina (vinculado ao xenocidio) após ter participado de maneira importante no financiamento da campaña electoral que o levou ao goberno e que tivo por lema Mano dura, cabeza y corazón. 

A oposición exixe que, calquera que sexa esa relación, se rache de inmediato. Na cronoloxía que segue explicamos paso a paso o 'desembarco' dos irmáns Castro Valdivia na riqueza natural non só de Guatemala, senón tamén da Galiza.


'O SEÑOR DAS MINICENTRAIS': DADOS QUE XUSTIFICAN UN ALCUME


2003

O director xeral de Industria, Enerxía e Minas, Ramón Ordás Badía, autoriza dous aproveitamentos hidroeléctricos en favor da empresa do seu cuñado, Luís Castro Valdivia, alcumado uns anos despois como 'o señor das minicentrais'.

2005

Xa co goberno en funcións, Fraga adxudica unha enxurrada de concesións hidroeléctricas. A principal beneficiaria no sorteo a dedo é outra entidade dos irmáns Castro Valdivia.

2007

David e Javier Castro Valdivia, seguen coa minicentral de Chandrexa en Rede natura e con licenza de 2003 concedida á empresa Hidroeléctrica del Río Grande, da cal son administradores. A declaración de impacto ambiental corre a cargo de Imega, unha empresa da cal Luis Castro Valdivia, o irmán dos dous anteriores, é propietario do 50% das accións. 

2008

Segue a investigación da Fiscalía anticorrupción na coñecida como "a trama das renovábeis" sobre Ramón Ordás, director xeral entre 1999 e 2005, e a sociedade Hidroeléctrica del Arnoya por tráfico de influencias, prevaricación e fraude. Hidroeléctrica del Arnoya (50% familia de Francisco Vázquez e 50% familia Castro Valdivia e Antonio Fontenla, presidente da Confederación de empresarios) renuncia a unha concesión no río Barcés autorizada por Fraga.

2009

A presión política e social levou os Valdivia alén mar. Aló son os responsábeis de distintos negocios de explotación de recursos naturais en países coma Nicaragua, Panamá, Ecuador, Venezuela, Honduras e a propia Guatemala. A día de hoxe, segundo dados tirados da súa páxina web, manexan unha carteira de traballos en execución de 1.152.000 euros.

Ao tempo, comezou a se desfacer de parte de Ecoener, a matriz do seu entramado enerxético: dúas minicentrais ubicadas na Lama (Pontevedra) vendeullas a Norvento, e quixo colocar tamén os parques eólicos de Ribeiro (Lugo) e Ortigueira (A Coruña).

2010

O xulgado de Instrución nº1 da Coruña desestima as acusacións contra Ordás e a empresa de Luís Castro Valdivia, Vázquez e Fontenla. O xa apodado como 'o señor das minicentrais' (Castro Valdivia) seguiu a vender as súas accións en empresas que estaban a ser investigadas após o descarado beneficio que tiraron da Administración Fraga en forma de concesións de plantas de enerxía eólica, hidráulica e solar.

A fiscalía atribuiulle participacións en 35 sociedades neste sector (dato do ano 2005), que lle foron outorgadas cando o seu cuñado (Ordás) era director xeral de Industria e Enerxía. Antes de 1999 (cando Ramón Ordás chegou ao cargo), Valdivia estaba vinculado unicamente a tres firmas do sector enerxético.

Cinco anos despois das primeiras autorizacións (de Fraga) para a construción dunha nova central hidroeléctria no río Landro (entre Muras e Ourol), a planta conseguiu a adxudicación definitiva e o recoñecemento no réxime especial de produción para ter dereito a primas pola electricidade que xere.

A Xunta de Feijóo desbloqueou a hidroeléctrica malia estar aínda investigada pola fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza contra Ordás Badía e Castro Valdivia. A empresa adxudicataria, Sociedad Lucense de Energía Hidráulica y Eólica, ten a sede na Coruña, no mesmo enderezo que a maioría das empresas de Castro Valdivia, malia non figurar el propio como titular.

2011

O TSXG rexeita tres concesións feitas por Fraga e confirma as malas prácticas destas empresas. Desestimou o recurso de Energías del Deza contra a adxudicación de tres minicentrais no río Deza, en plena Rede Natura e que foran anuladas polo bipartito por graves irregularidades nas súas respectivas declaracións de impacto ambiental asinadas por un goberno en que Núñez Feijóo era o vicepresidente. Energías del Deza é propiedade de Luis Castro Valdivia.

2012 

A Xunta impulsa unha minicentral en Meirama, no río Barcés. A renuncia á concesión de Fraga a Hidroeléctrica del Arnoya para o mesmo río nunca foi publicada. Terá o PP intención de a resucitar? De o facer, os Castro Valdivia xestionarían as dúas minicentrais que se proxectan no encoro de Cecebre.

Unha sería en virtude dunha concesión a Minicentrales Hidroeléctricas de Galicia en 1998, empresa que non deu sinais até 2009, cando se encheu a balsa de Meirama e presentou proxecto para a súa explotación. A outra corresponderíase coa que aparece no proxecto para o Barcés, que non ten ningún outro adxudicatario coñecido para alén de Hidroeléctrica del Arnoya. 

Comentarios