Reaberta a causa contra deputados de Amaiur e ERC por un acto a prol da liberdade de Otegi

O xuíz Andreu terá de reabrir a investigación contra os 7 deputados de Amaiur e o parlamentar de ERC Joan Tardá por participaren en Xaneiro de 2012 nun acto a prol da liberdade de Arnaldo Otegi. 

No seu momento, os deputados de Amaiur e o parlamentar de ERC Jordi Tardá foron denunciados por un presunto delito de enaltecimento do terrorismo no que terían incorrido, a xuízo de Dignidad y Justicia, por teren participado nun acto a prol da liberdade de Otegi, que se realizou diante da prisión de Logroño na que se acha encarcerado o líder abertzale.

O xuíz Andreu non viu relevancia penal nos feitos denunciados e resolveu arquivar a denuncia.

Dignidad y Justicia recorreu o arquivo perante a Audiencia Nacional e agora o tribunal central criado polo Estado para perseguir actos terroristas resolve en sentido favorábel á entidade demandante, ordenando ao xuíz Andreu que reabra a investigación.

A xuízo da Audiencia Nacional, si existe "certo grao de relevancia penal" nos feitos obxecto de denuncia. Este tribunal especial reproba ao xuíz que procedese ao arquivo da causa tomando como base exclusivamente un informe policial e sen ter investigado realmente todos os pormenores do suceso.

A AN xulga que os factos deben ser investigados porque, entre outros aspectos, algúns dos participantes na manifestación en solidariedade con Otegi se referiron a este como un "heroe", a pesar de que, afirma o tribunal, está encadeado por actos terroristas (sic). O tribunal xulga tamén perseguíbel pola xustiza que no comunicado lido perante a prisión de Logroño se manifestase que Otegi leva 387 días "secuestrado" polo Estado español sen máis delito, argüían os concentrados en apoio ao preso político basco, que o de "promover e pular polo actual escenario en que está inmersa toda a sociedade vasta".

"O PP non fai senón obstaculizar o proceso de paz"
Desde Amaiur, o deputado no Congreso español Mikel Errekondo saiu ao paso do anuncio da Audiencia Nacional e criticou a decisión adoptada polo tribunal. "A quen vén isto agora?" se preguntou o parlamentar ao tempo que expresou o seu "temor" perante os sectores "máis ultras" do Partido Popular aos que acusou de quereren "obstaculizar calquera paso" cara á normalización política en Euskal Herria.

Errekondo asegurou que detrás da reapertura da investigación o PP podería procurar "desviar a atención para tapar os problemas que ten en materia económica e sobre todo", salientou o deputado de Amaiur "en materia de corrupción".

Imaxe capa: Jagoba MANTEROLAARGAZKI PRESS

Comentarios