O BNG afronta un proceso de debate após os resultados electorais

Após a xuntanza da Executiva Nacional, Guillerme Vázquez parabenizou todas as formacións políticas polos resultados obtidos e recoñeceu que a organización frontista se atopa "nunha situación difícil". Aliás, o voceiro nacional do BNG asegurou que Francisco Jorquera sería o vindeiro protavoz parlamentar nacionalista.



Guillerme Vázquez BNG
photo_camera Guillerme Vázquez, voceiro nacional do BNG

Vinte e catro horas despois de se coñeceren os resultados electorais, o Bloque Nacionalista Galego saiu de novo en conferencia de prensa para valorar o que aseguran é "un mal resultado" electoral. O voceiro nacionalista, dixo após a xuntanza desenvolvida pola Executiva Nacional da formación, que tomarán "nota da mensaxe" mais que adoptarán as decisións que sexan precisas "coa cabeza fría" e despois dun "profundo, democrático e transparente debate interno". Neste sentido, Vázquez afirmou que a organización frontista "abrirá un proceso de reflexión colectiva que permita recuperar a confianza nunha organización útil para Galiza". que comezará o vindeiro sábado, día en que o BNG convocará o seu Consello Nacional.

Vázquez: "Seguiremos facendo fronte ás políticas do PP, para o que usaremos a forza que nos deu o pobo"

Doutra banda, Guillerme Vázquez trasladou os seus parabéns a todas as forzas políticas que concorreron ás eleccións "polos resultados obtidos", nomeadamente ao Partido Popular aínda que, dixo, "as maiorías sociais non refrendaron a súa política", debido á perda de apoios sufrida polos populares --170.000 votos menos que en 2009. Neste sentido, o voceiro nacional asegurou que no BNG "seguiremos facendo fronte ás políticas do PP, para o que usaremos a forza que nos deu o pobo".

Preguntado polo futuro do candidato nacionalista á presidencia da Xunta, Guillerme Vázquez asegurou que Francisco Jorquera "é deputado eleito" e polo tanto "non me cabe a menor dúbida de que será voceiro parlamentar". Porén, e malia a insistencia d@s xornalistas, entre as que se atopaban varios medios cataláns, o voceiro do BNG non quixo valorar os resultados obtidos por outras formacións políticas, no entanto reiterou que a súa organización parabenizaba todas elas, sen excepción.

Guillerme Vázquez, lembrouse tamén na súa comparecencia das persoas que participaran na campaña d@s nacionalistas ás cales agradeceu o seu esforzo, e "dos milleiros de galegos que depositaron a súa confianza en nós".

Comentarios