venres 24/09/21

Xunta, Abanca e Correos: tres estratexias para levar os servizos financeiros ao rural

O rural galego loita por non perder poboación e para que esta non perda tamén servizos, agora que Abanca ameaza con fechar oficinas en varios concellos. A Xunta estuda dar fondos públicos a entidades financeiras para instalar caixeiros, mentres Correos aposta por asumir algúns servizos financeiros no rural.
Correos instalará nos próximos meses caixeiros en concellos galegos sen servizos financeiros (Foto: Xoán Roberes).
Correos instalará nos próximos meses caixeiros en concellos galegos sen servizos financeiros (Foto: Xoán Roberes).

A crecente dixitalización dos servizos financeiros, sumada á dispersión e á perda de poboación de moitos núcleos e concellos galegos, está a levar as entidades financeiras a limitar cada vez máis a súa oferta no rural. 

Primeiro foron as fusións bancarias as que serviron como escusa para adelgazar a rede de oficinas, e agora é a dixitalización a que ameaza con deixar sen servizos e atención presencial á poboación de concellos enteiros e núcleos como A Baña, Zas, Campo Lameiro, Campelo (Poio), San Xoán de Río, Padrenda e Quintela de Leirado, entre outros, onde Abanca xa anunciou a súa intención de fechar as oficinas existentes este mesmo mes de setembro.

Abanca, que por outro lado vaise beneficiar de axudas da Xunta para instalar caixeiros no rural, deixará sen servizo bancario milleiros de persoas, en moitos casos homes e mulleres de idade avanzada, que terán que buscar a maneira de acudir á localidade máis próxima para facer as súas xestións bancarias.

Mentres Abanca, entidade rescatada con cartos públicos, fecha oficinas no rural, a Xunta ten en marcha unha estratexia para levar caixeiros 'intelixentes' aos 45 concellos da Galiza que na actualidade carecen de calquera tipo de servizo financeiro. 

Para esta actuación, o Executivo de Núñez Feixoo artellou unha subvención de máis de 2,8 millóns de euros para as entidades que instalen un caixeiro nestes lugares e proporcionen 104 horas anuais ─dúas horas á semana─ de atención e formación á cidadanía para poder empregar esta tecnoloxía.

Carteiros rurais

E mentres a Xunta fai anuncios, Correos xa empeza a actuar. A empresa pública prevé ter tres caixeiros operativos nos próximos meses en localidades galegas que carecen de servizos financeiros, en concreto en Samos, Barbantes (Cenlle) e Cortegada.

Segundo destacou hai uns días o delegado do Goberno na Galiza, José Miñones, Correos tamén está inmerso nun proceso de dixitalización de oficinas postais ─a de Catoira foi unha das sete primeiras do Estado español en ser dixitalizada─ para ampliar os seus servizos e permitir a realización de trámites administrativos como o pago de tributos en municipios que asinaron convenio con Correos, ou a admisión e  remisión de documentación a través de ORVE (Oficina de Rexistro Virtual).

Xunto a isto, ten en marcha un proxecto piloto en Lugo cos carteiros e carteiras rurais, que prestan a domicilio servizos como o envío desde casa de paquetes, o pago de tributos ou a entrega de diñeiro en efectivo co servizo Correos Cash. A súa intención é estendelo ao resto da Galiza nos próximos meses.

Mobilizacións

A falta de servizos financeiros é un problema grave que, como sinalou recentemente o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela, pode agravar o baleirado do rural galego.

O forte impacto social que xera a política de fechamentos, como a que está a levar a cabo Abanca, tamén suscita unha forte contestación social, que hoxe vai facerse visíbel cunha manifestación fronte ás oficinas centrais da entidade na Coruña, convocada polos Concellos de Zas, Vimianzo, a Baña, Fene e Cerdido.

En Campo Lameiro, onde está a piques de facerse efectiva a designación do presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet, como persoa non grata, a protesta contra os fechamentos foi o pasado 27 de setembro. O día 30, a protesta decorreu ante a sucursal de Portas, mentres que en Poio hai prevista unha concentración mañá, 3 de setembro, convocada polo Concello contra o feche da oficina de Campelo, e o día 10 outra en Seixo (Marín).

O feche de oficinas bancarias tamén levou os partidos políticos a actuar. Así o BNG vén de presentar esta mesma semana no Parlamento galego unha Proposición non de lei na que instan Abanca a suspender a decisión de deixar sen servizos bancarios nove concellos galegos e, ao mesmo tempo, a paralizar calquera inxección de recursos nas entidades por parte da Xunta que deixen na exclusión financeira miles de persoas destas localidades. 

comentarios