Xubiladas e pensionistas exixen frear os recortes nas pensións

A reivindicación das e dos pensionistas galegos fíxose sentir en distintas cidades cando reclamaban unhas pensións dignas,  cuestionando o proxecto que se está a tramitar no lexislativo estatal -e que mantén a senda de recortes, explican- e demandando a derrogación da reforma laboral e das pensións.

Concentración onte en Compostela para exixir pensións dignas. (Foto: Arxina)
photo_camera Concentración onte en Compostela para exixir pensións dignas. (Foto: Arxina)

Centos de xubiladas e xubilados responderon esta quinta feira, 7 de otubro, ao chamamento da Confederación Intersindical Galega (CIG) para concentrarse en Bueu, Compostela, A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo en defensa dunhas pensións dignas que “non garante” o proxecto que se está a tramitar no Congreso, incide a forza sindical.

Non só iso, senón que “consolida os recortes que supuxeron unha redución das pensións en 2021”, poñendo énfase en que as negociacións que iniciou o Goberno estatal coa Unión Europea, nas que comunicou que a norma era a primeira parte do proceso, 
“anticipan novas perdas de dereitos en base ás exixencias do club comunitario”.

Desde o colectivo de pensionistas da CIG critican que se manteña a reforma das pensións de 2011, que implica unha caída do 25% no importe das pensións xerado pola ampliación da idade de xubilación até os 67 anos e o incremento do período de cálculo.

Todo iso, ao tempo que continúan a “anular a xubilación parcial, penalizar a xubilación anticipada, atrasar a idade de xubilación e fomentar o aumento da vida laboral mentres impiden a entrada da xente nova ao mercado”, reiteran.

Nesta liña, fan fincapé na “privatización das pensións atendendo as peticións da banca”, avalada polos mecanismos de diálogo social, que cualifican de “corrupción institucional”, ao negociarse “fóra dos ámbitos de representación institucional”.

Solucións

Para que as e os pensionistas poidan acceder a prestacións dignas é preciso derrogar as reformas laborais e a das pensións de 2011 e 2013, sosteñen, eliminando os factores de cálculo que penalizan o aumento da esperanza de vida e fixando por lei unha pensión mínima igual ao salario mínimo que se revalorice coa subida de prezos.

Asemade, desde a CIG reclaman que a idade de xubilación volva ser de 65 anos e que se restableza o dereito a xubilarse aos 61 anos, así como a transferencia da competencia de xestión do réxime económico da Seguridade Social, como recolle o Estatuto da Galiza.

Comentarios