SERVIZOS EN DESAPARICIÓN

Feijóo admite que @s xubilados terán que aboar un importe na Sanidade pública

O presidente da Xunta fala de "fórmulas coa receita electrónica" pero non se opón á multa aos doentes se "non hai que pagar máis dos topes".
Imaxe do presidente da Xunta.
photo_camera Imaxe do presidente da Xunta.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou que o seu goberno está estudando vías para que os pensionistas da comunidade non adianten o dez por cento do custo dos seus tratamentos médicos se “non gastan [enferman] máis dos topes fixados polo Ministerio de Sanidade”, que son 8 ou 18 euros ao mes en función da renda. “Os nosos sistemas informáticos e a receita electrónica permite moitas combinacións", explicou o líder do PP en Galiza nunha entrevista con Europa Press, na que avanzou que a Xunta buscará “o procedemento que facilite” aos xubilados galegos “a súa seguridade económica”. En ningún momento afirmou que os enfermos non serán castigados economicamente pola súa doenza.
Manifestou Feijóo todo isto ao ser preguntado pola aplicación da norma estatal, que prevé que os pensionistas adianten até o 10 por cento dos medicamentos que consumiren, a maiores do tope máximo de 8 euros mensuais para rendas por baixo de 18.000 euros ao ano e de 18 euros para as que superaren esa cantidade. En Galiza, o líder da dereita prevé que o 87 por cento dos xubilados aboe como máximo 8 euros.
Con todo, lograr que os pensionistas galegos "non paguen nada" a partir do tope fixado polo Ministerio "é unha opción" que, segundo defendeu Feijóo, o seu Goberno exporá ás asociacións de xubilados da comunidade se o sistema informático da Administración galega "o permíte". Porén, admite que a "complexidade técnica" é "evidente".
Feijóo pensa que hai que “contrastar” a base de datos da Axencia Tributaria e o Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) porque hai “moitos” cidadáns que “non están obrigados a declarar a renda”, palabras textuais do presidente autonómico galego, segundo algunhas fontes da oposición convertido nun “matachín que negará até a saúde”'.

Comentarios