As vendas do comercio polo miúdo descenderon en agosto na Galiza mentres medraron a nivel estatal

O emprego neste sector subiu no país 3,5%.
comercio local #comercio #miúdo #tenda #froitaría #supermercado (Foto: Europa Press)
photo_camera A nivel estatal, as vendas subiron 0,8%. (Foto: Europa Press)

O comercio polo miúdo rexistrou en agosto unha diminución das súas vendas na Galiza de 0,3%, fronte ao incremento anual que se produciu no Estado español, segundo os datos que publica esta sexta feira o Instituto Nacional de Estatística (INE). O emprego no sector, pola súa parte, medrou 3,5%.

Así, no conxunto estatal, a alza das vendas foi de 0,8% en relación ao mesmo mes de 2021, unha taxa catro puntos superior á do mes anterior, cando baixaron 3,2%.

Co dato de agosto, as vendas do comercio polo miúdo regresan a taxas interanuais positivas após o retroceso experimentado en xullo.

En agosto, as vendas de alimentos no sector polo miúdo subiron 1,2% en comparanza co mesmo mes de 2021, mentres que as do resto de produtos retrocederon 2,8% debido á caída das vendas doutros bens (-4%), mentres que as de equipo persoal aumentaron 11,5% e as de fogar, 3,6%.

Por formas de distribución, rexistráronse retrocesos interanuais nas empresas unilocalizadas (-4,1%) e nas grandes superficies (-0,5%), fronte ás subas nas pequenas cadeas (+2%) e grandes cadeas (+0,9%).

Eliminando os efectos estacionais e de calendario, a facturación do comercio polo miúdo situouse en 0,0%, cinco décimas máis que en xullo, cando retrocedeu 0,5%.

A respecto do emprego, a nivel estatal o sector rexistrou en agosto un incremento interanual da ocupación de 2,6%, o mesmo dato que no pasado mes de xullo.

Comentarios