Transportistas reivindican rebaixas de 55% na AP-9

Varias asociacións e colectivos de transportistas iniciaron estes días unha serie de xuntanzas para solicitar unhas tarifas especiais para o transporte pesado na Galiza.
Camións de transporte (Foto: Nós Diario).
photo_camera Camións de transporte (Foto: Nós Diario)

A asociación de transportistas Apetamcor e o Clúster da Función Loxística puxéronse de acordo para abrir unha serie de contactos coas autoridades políticas doa intención de reivindicar unha bonificación mínima das peaxes da autoestrada AP-9 dun 55%.

Este colectivo procura, segundo explican nun comunicado, "unha solución á desvantaxe competitiva que soporta o sector con respecto ao resto da península".

Denuncian que esta vía de comunicación "é a arteria principal que vertebra Galiza de norte a sur e malia o seu papel soportamos que teña as peaxes máis caras do Estado español en custo por quilómetro".

Este é o motivo polo que, aseguran, "moitas e moitos transportistas decidan evitar circular, na medida do posíbel, pola AP-9, desviándose en consecuencia a estradas convencionais notabelmente máis perigosas, por ser vehículos pesados e atravesar varios núcleos de poboación". 

Sen información da negociación con Audasa

Nestes días, ante o anuncio do Goberno español da apertura dunha negociación coa concesionaria Audasa para a posta en marcha con carácter inminente dunhas bonificacións nas tarifas da AP-9, e despois dalgunhas informacións nos medios "que nos alertaban de que a proposta coa que traballa o Goberno español é de incluír uns ínfimos descontos para o transporte pesado", decidiron solicitar xuntanzas. 

A primeira destas reunións tivo lugar o pasado 9 de xuño coa Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta da Galiza, Ethel Vázquez, que lles confirmou que non contaba con información de como se estaban desenvolvendo esas negociacións.

A seguinte xuntanza solicitada polo Clúster da Función Loxística da Galiza, Apetamcor e as restantes asociacións de transportistas, aínda por confirmar data, será co Delegado do Goberno na Galiza, José Miñones.

Comentarios