As mobilizacións gandeiras fan recuar o PP, que pide agora conxelar o tratado con Mercosur após apoialo na Eurocámara

O líder do PP, Alberto Núñez Feixoo, recuou e pasou a solicitar a Bruxelas que non dea pasos adiante na posta en marcha do tratado de libre comercio entre a Unión Europea e o espazo económico de América do Sur. Así o manifestou a pesar de ter votado o seu partido en contra de que o TXUE analice o tratado.
Ursula von der Leyen e Alberto Núñez Feixoo. (Foto: Sebastián Hipperdinger / Europa Press)
Ursula von der Leyen e Alberto Núñez Feixoo. (Foto: Sebastián Hipperdinger / Europa Press)

"Solicito formalmente ao Goberno de España e á Comisión a non entrada en vigor de Mercosur até que haxa plena certeza de que se aprobarán as garantías que necesita o campo español", estas foron as palabras coas que o líder do PP, Alberto Núñez Feixoo, recuou e pasou a solicitar a Bruxelas que non dea pasos adiante na posta en marcha do tratado de libre comercio entre a Unión Europea e o espazo económico de América do Sur.

Os eurodeputados galegos do Partido Popular votaron esta cuarta feira no Parlamento Europeo a favor do acordo con Mercosur e en contra de enviar a alianza asinada o pasado sábado en Paraguai ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) para que este dirima se cumpre cos tratados comunitarios.

Fixérono a pesar da fractura dentro do Partido Popular Europeo (o grupo no que o PP está inxerido na Eurocámara), posto que un importante número de eurodeputados e eurodeputadas do grupo decidiron apoiar a proposta de enviar o acordo de libre comercio ante a Xustiza comunitaria, un camiño que non seguiron os eurodeputados galegos do PP.

Despois desta votación, que paraliza a ratificación do acordo de libre comercio até que o TXUE decida sobre o seu cumprimento dos tratados, representantes da Comisión Europea manifestaron a súa intención de pór en marcha de forma provisional o funcionamento da alianza comercial con Mercosur, pasando así por riba dunha decisión do Parlamento Europeo que manifesta o rexeitamento da maioría da Cámara a esta potencial decisión.

Unha aspiración de aprobación provisional do tratado de libre comercio con Mercosur, pasando por riba dunha Eurocámara que se manifestou en contra, que pretende ser posta en marcha por parte do Executivo comunitario liderado por Ursula von der Leyen, compañeira de Feixoo no Partido Popular Europeo.

Todo isto tras unha votación, a do Parlamento Europeo, que chegou despois de semanas de protestas do sector agrogandeiro galego e comunitario, que conseguiu empurrar a maioría que finalmente chegou esta cuarta feira na Eurocámara contra o acordo de libre comercio. E, neste contexto, recúa o PP e recúa Feixoo, só un día despois de votar a favor do tratado con Mercosur.

"Comprendo que a situación xeoestratéxica aconsella formalizar unha alianza entre a UE e América Latina, mais a posición do PP non cambiou. A entrada en vigor de Mercosur só pode producirse unha vez que se aprobe un procedemento para que as cláusulas de protección sexan automáticas, o reforzo dous controis en fronteira e a redución dás actuais exixencias aos agricultores que impón Europa e o Goberno", dixo o líder do Partido Popular a pesar de ter votado o seu partido en contra de que o TXUE analice o tratado.

Unha senda iniciada polo líder do PP tras comprobar que a reivindicación do sector agrogandeiro ten forza e que tamén seguiu a súa compañeira e presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso. "Pedimos á Comisión Europea que non active o acordo con Mercosur até que se garanta a protección dos nosos agricultores e gandeiros. Mercosur é unha grande oportunidade para Europa mais nunca o será se é ás costas do mundo rural. O Goberno de España debe defender os intereses dun sector estratéxico que nos alimenta, vertebra o territorio e coida do noso medio ambiente", defendeu a popular.

Comentarios