A suba salarial para os empregados públicos en 2022 é de 2%, moi por baixo da inflación

Os traballadores públicos galegos perderon 17,49% do seu poder adquisitivo desde 2010

A perda de poder adquisitivo das empregadas e empregados públicos desde 2010 é de 17,49%. O impacto no poder de compra da inflación vén precedido dunha década de recortes nos salarios acordados polos Gobernos estatal e galego. A mesma afecta un colectivo cun número importante de mileuristas.

EuropaPress_3184050_alumnos_bachillerato_colegio_alameda_osuna_vuelto_aulas_hoy_forma
photo_camera A negativa do Feixoo a pactar a devolución das pagas extras de 2012 a 2016 significa para cada docente a perda media de 6.500 euros. (Foto: Europa Press)

O Programa de Estabilidade 2022-2025 vén confirmar a decisión do Goberno do Estado de recortar o poder adquisitivo dos traballadores públicos neste exercicio. O documento, remitido polo Executivo á Comisión Europea, sinala que “a suba salarial para os empregados do sector público será en 2022 de 2%”. Ao tempo, indica que “a partir de 2023 e seguintes prevese un incremento retributivo dos empregados públicos, así como das pensións, en liña coa evolución dos prezos para todo o período contemplado”.

A decisión de subir os salarios en 2022 conforme a inflación prevista e non coa real significa que os empregados públicos perderán toda a diferencia entre 2% de alza acordada polo Executivo estatal e a suba dos prezos que finalmente se produza na anualidade. Sen ir máis lonxe, no mes de abril o Índice de Prezos ao Consumo(IPC) interanual  alcanzou 8,4%, polo que de fecharse o ano con este incremento do IPC, os traballadores do sector público perderían neste exercicio 6,4% de poder adquisitivo.

A suba de 2% en 2022

A proposta enviada polo Estado español a Bruxelas non representa unha novidade para o colectivo afectado. Tanto é así, que en xaneiro de 2020, a federación do ensino da Confederación Intersindical Galega sinalaba que “na suba aprobada para o 2022 o Goberno español parte dun engano e dunha inxustiza. O engano é afirmar que sobe esa porcentaxe porque considera que o IPC vai subir o 1,5% neste ano. Ninguén cre esa mentira. A inxustiza é non ter en conta o que levamos perdido, xa non desde o 2010 senón, como mínimo, neste 2021, no que nos subiron 0.9%  cando o ano pechou cunha suba a nivel do Estado de 6,5%”.

Os recortes no poder adquisitivo de 2021 e os previstos para 2022 prodúcense após máis dunha década de perda de capacidade de compra para os traballadores públicos. Precisamente, a mingua máis forte produciuse entre 2010 e 2013 cunha caída de 13,6%, destacando na primeira das anualidades unha baixa de 8,00%, após aceptar o Gabinete socialista presidido por José Luís Rodríguez Zapatero as políticas de austeridade impostas desde a Unión Europea. As mesmas van ter continuidade tras as eleccións de 2011 cos Executivos populares dirixidos por Mariano Raxoi, quen entre 2012 e 2013 asinaron unha rebaixa no poder adquisitivo dos traballadores públicos de 3,20%.  

Os traballadores públicos levan perdidos desde 2010 17,49% do seu poder adquisitivo. A isto, tamén, contribúe a alza dos prezos nos últimos dous anos que xa suma 13,40%, nas anualidades de 2021 e 2022. A situación agrávase na Galiza pola negativa do Goberno de Feixoo a pactar a devolución das pagas extras recortadas entre o 2012 e o 2016. Un retallo, que ten implicado a eliminación do complemento específico das pagas extras durante todo este período, significando no caso do ensino unha perda media de 6.500 euros por cada docente.

Conxelación salarial

O secretario nacional da CIG-Ensino, Xesús Bermello, sinala a Nós Diario que “nun momento de crise económica e social o único que ofrece o Goberno é unha contención salarial na liña do “pacto de rendas” que negocia con algúns dos axentes sociais”. “O Goberno con esta posición”, continúa Bermello, “demostra que é peor que a patronal para o empobrecemento dos traballadores do sector público”.

“Nun momento de perda do poder adquisitivo próximo a dous díxitos, onde está o Goberno estatal para garantir os dereitos dos traballadores”, pregúntase Bermello, quen se amosa convencido que a postura do Executivo “pretende lanzar unha mensaxe á patronal para indicarlle que a conxelación salarial é o camiño na negociación colectiva e, tamén, transmitirlle aos traballadores que non está disposto a garantirlles o poder adquisitivo”.  

Bermello reclama “unha cláusula de garantía salarial para este período, asegurando ao final de cada ano que o salario se subiría o equivalente ao IPC se este estivo por riba da suba” e “regular a recuperación das retribucións básicas íntegras na contía das pagas extraordinarias de todos os grupos, que foron recortadas xa no ano 2010 polo Goberno de Zapatero e que aínda non se recuperaron”

Os salarios reais dos empregados públicos

Os salarios dos traballadores públicos son campo abonado para a demagoxia. A este respecto, Bermello lembra que “agora mesmo todos os empregados das denominadas categorías inferiores da administración pública están cobrando entre 1.000 e 1.100, representando estes grupos unha parte importante do colectivo”

Comentarios