martes 28/09/21

Os traballadores de Alcoa volven adiar a reactivación da folga

Ao enviar por carta o Goberno español unha resposta á proposta da compañía para a venda da fábrica de aluminio.

Protesta dos traballadores de Alcoa o pasado domingo en Lugo (Foto: Eurpa Press)
Protesta dos traballadores de Alcoa nunha imaxe de aquivo (Foto: Europa Press)

O comité de empresa de Alcoa en San Cibrao, Cervo, adiou de novo a reactivación da folga no complexo industrial ao recibir a confirmación de que o Goberno español respondeu á proposta da compañía para a venda da fábrica de aluminio.

"O comité recibiu un correo de Alcoa confirmando que o Goberno estatal lle respondeu á última proposta realizada, comprometéndose a convocar unha reunión para esta sexta feira 14 de maio na que compartirán co comité o resultado da análise da devandita resposta", informa a representación dos traballadores.

Así as cousas, a volta aos paros na factoría da Mariña, que xa fora adiada hai unha semana, fica de novo suspendida, "á espera de seguir avanzando nas negociacións da venda de Alcoa á SEPI e poder valorar desde o comité o contido da carta".

En concreto, "aprázase a reactivación da folga até que os traballadores poidan tomar unha decisión sobre a mesma", de acordo co comunicado do comité.

Pola súa banda, o Executivo españo lreivindica cumprir "hoxe mesmo" co compromiso adquirido pola titular de Industria, Reyes Maroto, nunha reunión cos representantes dos traballadores o pasado día 4.

"Hoxe mesmo" -é dicir, o día que expiraba o prazo dado polo cadro de persoal-, segundo sinalan fontes da Delegación do Goberno, deu resposta a Alcoa por carta, na que traslada a súa postura a favor da "mediación", pero a súa negativa tanto á intervención como á inmunidade.

Esta cláusula, que protexería á multinacional de eventuais reclamacións xudiciais despois da venda, bloqueou as conversas durante as últimas semanas.

comentarios