"A tecnoloxía solar que emprego está moi estendida en Latinoamérica, pero non aquí"

En 2016 María José Tallón transformou a súa horta de autoconsumo nunha empresa, Trasdeza Natur, no concello de Silleda. Ademais de cultivar e vender produtos frescos, Tallón decidiu comercializar amorodos ou tomates deshidratados empregando unha desecadora con enerxía solar. Conversa con Nós Diario desde o tren que a leva a recoller o terceiro Premio de Excelencia á Innovación para Mulleres Rurais do Ministerio de Pesca e Alimentación. 

María Tallón agricultora e impulsora de Trasdeza Natur en Cortegada, no concello de Silleda (Imaxe: Nós Diario)
photo_camera María Tallón agricultora e impulsora de Trasdeza Natur en Cortegada, no concello de Silleda (Imaxe: Nós Diario)

Que supón para vostede este recoñecemento?
É moi importante para min. É un orgullo como persoa que está empezando a desenvolver un proxecto ver que se recoñece o esforzo e todo o meu traballo. En 2018 tamén recibimos un premio da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural. Presentarnos a este tipo de convocatorias públicas é tamén unha vía para darnos a coñecer e un pulo á sostibilidade do proxecto

A innovación está presente desde o comezo na súa horta?
Empregar un deshidratador con luz solar foi unha idea que tiven polo excedente da horta, case sempre hai algo de excedente no cultivo. Quixen pór en valor eses produtos, non quería tirar o que producía senón darlle esa importancia engadida e optei por deshidratar tomate ou amorodo. A deshidratación é unha técnica que contribúe a preservar o produto sen alteralo. Desa forma eu asegúrome ademais unha maneira desestacionalizada de comercializar o que cultivo.A tecnoloxía que emprego está estendida en Latinoamérica, pero non aquí e tampouco vin moita oferta no mercado de produtos deshidratados. A través da Universidade de Santiago de Compostela atopei o desecador que precisaba. Usar enerxía solar permíteme ser máis sostíbel, tamén economicamente, porque a maquinaria supón un investimento moi importante para calquera proxecto que comeza.

Como chega á súa clientela?
Seguindo a filosofía do proxecto, os nosos clientes son da propia comarca, é un comercio local e de proximidade. Hai quen xa nos coñece e se achega á horta ou quen fai o pedido a través da nosa páxina web. A maiores, contamos cun pequeno local en Silleda no que ofrecemos a nosa produción. 

Apostaron por cultivar variedades autóctonas locais. 
Na Galiza hai unha variedade de produtos locais moi ampla. Temos tomates de Santiago, por exemplo, que son moi saborosos e non teñen nada que envexar aos de Valencia. Estamos tratando de conseguir outras sementes autóctonas, porque están adaptadas ao noso clima e, como xa dixen, teñen sabores propios e deliciosos.

Concibiu Trasdeza Natur como un proxecto de vida. 
Exactamente, é un proxecto a longo prazo que procura ser o máis sostíbel posíbel, coidando os recursos dos que dispomos. Nos comezos houbo problemas e dificultades, sobre todo a nivel económico. Toda empresa que comeza precisa de moito tempo e moitos recursos. Traballo os 365 días do ano, sen fins de semana nin vacacións. O meu marido axúdame de cando en vez, pero son eu a que leva a empresa. A nivel económico non podo contratar outra persoa. 

Cre que esa dificultade pode afastar a xente do agro?  
O verdade é que non o teño claro. É certo que nun comezo pensas nesas cuestións, pero cando fas algo que che gusta deixa de resultar tan problemático. Tamén ten as súas vantaxes, porque non estás suxeito a un horario de oficina e traballas ao aire libre.

Valorarase máis a agricultura e a gandaría tras a pandemia?
Non estou segura, mais coido que si que houbo un cambio no senso de que comezamos a facernos máis conscientes do que consumimos e de como consumimos. Penso que a  pandemia puxo de relevo un desequilibrio coa natureza nese senso. 

Comentarios