martes 28/09/21

A tarifa eléctrica propia gaña apoios fóra

Mañueco e Lambán defenden unha tarifa para as zonas produtoras.
Parque eólico no Monte Seixo na Serra do Cando. (Foto: Carlos Solla) #eólicos #parqueeólico #tarifaeléctrica #electricidade
Parque eólico no Monte Seixo na Serra do Cando. (Foto: Carlos Solla)

A defensa de tarifas eléctricas diferenciadas en función da capacidade de xeración enerxética dos territorios gaña forza no conxunto do Estado. O último en sumarse a esta reivindicación é o presidente de Castela e León, Alfonso Fernández Mañueco, quen reclama unha tarifa máis barata para as zonas produtoras e defende que as corporacións enerxéticas paguen o seu imposto alí onde producen electricidade.

Alfonso Fernández Mañueco, un dos baróns do Partido Popular máis próximos a Alberto Núñez Feixoo, teno claro. A pasada segunda feira, nunha sesión das Cortes de Castela e León, non dubidou en sinalar que “é de xustiza que unha parte dos beneficios da enerxía xerada polo vento, polo sol, pola auga reverta naqueles lugares que sufriron estes prexuízos” e reclamou unha compensación pola vía dos impostos e do prezo da factura da luz. “Sería de xustiza”, afirmou Mañueco, que “unha parte dos impostos desa produción reverta nos lugares onde se produce a enerxía, ou que estes se vexan beneficiados por menores custos enerxéticos”.

A proposta de Mañueco garda semellanza cunha alternativa defendida hai unhas semanas polo presidente aragonés, Javier Lambán. Neste caso, o mandatario socialista confirmou que aqueles concellos aragoneses con parques eólicos ou solares terán unha bonificación no prezo da luz e considerou necesario fixar medidas de compensación para a cidadanía daquelas localidades con instalacións de xeración eléctrica. Avanzou unha nova regulamentación legal nesa dirección e asegurou que conta con “informes favorábeis dos servizos xurídicos” do seu Executivo e das propias empresas para facer efectiva esa medida.

A alternativa de Lambán

A alternativa de Lambán vén precedida no ámbito aragonés dunha proposta na mesma liña da Deputación de Huesca. Precisamente, á volta de setembro 2018 a corporación oscense aprobaba unha moción do PSOE onde se defendía unha redución de 20% na tarifa final ao consumidor nos territorios produtores de enerxía hidroeléctrica. A iniciativa, xustificábase porque “existe un desaxuste no noso territorio, sempre que somos produtores de enerxía hidroeléctrica pero os veciños, autónomos e empresas das comarcas e territorios produtores están a pagar o 20% da factura en concepto de transporte da electricidade”.

A opinión de Mañueco e Lambán é diferente á de Feixoo, que continúa cuestionando os beneficios da tarifa eléctrica galega e insistindo na súa ilegalidade. A este respecto, a desaparición da peaxe eléctrica 6.1.B, popularmente coñecida como euskopeaxe por favorecer maiormente a empresas emprazadas en Euskadi, pactada en 2014 entre o PNV e o PP e formalizada en 2020 xa polo Executivo de Sánchez, certifica que con vontade política pódense fixar tarifas diferentes en función da especificade de cara territorio.

Neste sentido, a negativa do presidente da Xunta a tirar por un modelo eléctrico que rebaixe o prezo da luz a familias e empresas galegas parece responder a razóns ideolóxicas ligadas a unha determinada concepción do Estado.

As resistencias ás tarifas eléctricas territorializadas son moitas, comezando porque a súa aplicación pon en cuestión o actual esquema de reparto de poder no espazo estatal, o papel de Madrid como territorio beneficiado dun modelo centralizado e mesmo a función asignada ao Estado e as súas partes na división do traballo. Porén, percíbese un cambio de tendencia no debate social que adianta un cambio de opinión favorábel a un réxime especial para as áreas produtoras de enerxía. Neste contexto, a tarifa eléctrica galega, proposta polo nacionalismo, xa non é unha alternativa “exótica”, como no seu día a teñen definido os populares, senón unha proposta que gaña apoios fora da Galiza. As recentes declaracións de Mañueco e Lambán son unha mostra diso.

comentarios