A solar galega EiDF consolida a perda de 87% do seu valor na terceira xornada en vermello tras volver a bolsa

Fernando Romero, director xeral de EiDF, durante o toque de campá na Bolsa de Madrid (Foto: BME Growth).
As accións da solar galega perderon 26 euros de valor sobre os 29,76 que tiña cada participación da empresa antes do seu abandono da cotización en bolsa.

A empresa galega especializada en enerxía solar EiDF experimentou unha nova xornada de perdas no terceiro día despois da súa volta a bolsa tras ser suspendida de cotización por máis de catro meses. EiDF rexistrou novamente números vermellos con 3,69% de perda de valor.

As accións da solar galega pasaron a valer 3,76 euros, até 26 menos da cotización de 29,76 euros que tiñan as participacións da compañía no momento no que tivo que abandonar o parqué.

Co resultado desta cuarta feira, a firma acumula unha perda superior a 87% en tres xornadas, porcentaxe á que xa se achegara na xornada previa tras senllas perdas de 70% e 56,33% na segunda feira e na terza feira.

A sesión comezou cunha liquidación masiva na apertura que levou á compañía a marcar un mínimo de cotización por acción de 3,1 euros (-20%). Desde aí virou bruscamente á alza até os 4,78 euros (+22%), o que supuña un rebote de máis de 50% de mínimo a máximo do día.

Esta última caída supón unha nova perda de 8 millóns de euros de capitalización da empresa, que unidos aos 1.496 millóns de euros que a empresa perdeu nas dúas xornadas previas, fanlle superar xa o limiar de 1.500 millóns de euros de caída de valor en tres días.

Perda de lideranza

Este retroceso provocou tamén que EiDF cedese a primeira posición do BME Growth (mercado de valores estatal orientado a pequenas e medianas empresas en expansión xestionado por Bolsas e Mercados Españois e supervisado pola Comisión Nacional do Mercado de Valores) a Proeduca Altus.