O sector pesqueiro parará o 19 de xaneiro e decidirá se continúa co amarre tras reunirse co Ministerio
As confrarías acordan unha xornada de paro o vindeiro 19 de xaneiro como protesta polas novas medidas de control da Unión Europea e supedita a continuidade do amarre ao resultado dunha reunión coa Secretaría Xeral de Pesca en Madrid.
As confrarías de pescadores decidiron convocar un paro para a vindeira segunda feira, 19 de xaneiro, en protesta polas novas obrigas de control pesqueiro impostas pola Unión Europea (UE). Aliás, agardarán a unha reunión co Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación para determinar se manteñen ou non o amarre da frota.
Así o explicou o presidente da Federación Nacional de Confrarías de Pescadores, Basilio Otero, tras o encontro mantido esta cuarta feira polo sector. Segundo indicou, as confrarías acordaron parar a segunda feira e "agardar" á reunión prevista para ese mesmo día, ás 16 horas en Madrid, coa secretaria xeral de Pesca, Isabel Artime. "En función do que se nos traslade, decidiremos se a frota continúa co amarre", sinalou.
O pasado 10 de xaneiro entraron en vigor varias obrigas recollidas no novo Regulamento Europeo de Control da Pesca, que o sector considera "imposíbeis de cumprir". Entre elas figuran o uso obrigatorio do diario electrónico de pesca, o pesado a bordo de determinadas especies cunha marxe máxima de erro do 20% ou a comunicación da chegada a porto con catro horas de antelación.
Otero agradeceu a "unión da frota" fronte a unhas normas que, ao seu xuízo, poñen en risco a viabilidade da actividade. "Se non conseguimos cambiar estas regras, acaban coa frota e e fana inviábel", advertiu. Como exemplo, explicou que nas probas realizadas esta semana, de 21 especies capturadas, 14 presentaban erros de pesado segundo os novos criterios. "A 3.000 euros de multa por especie, falamos de 42.000 euros. É máis que inviábel", denunciou.
O presidente das confrarías do Estado español, que tamén é patrón maior de Burela (A Mariña), cualificou a normativa de "estúpida" e asegurou descoñecer "a que obedecen estas imposicións", cando, segundo lembrou, co modelo actual "demostrouse que as poboacións de peixe se recuperaron". "Salvo que o que busquen sexa sancionar e acabar coa frota", engadiu.
As protestas do sector xa se deixaron sentir esta semana. A pasada segunda feira, centos de armadores, patróns maiores e mariñeiros das Rías Baixas concentráronse no porto de Tragove, en Cambados (O Salnés), para rexeitar as novas exixencias europeas, entre elas o diario electrónico de pesca, que consideran "inasumíbel" para boa parte da frota artesanal.