A frota galega prevé perdas millonarias co recorte de cotas aprobado na UE

O acordo de Totais Admisíbeis de Capturas e cotas de pesca que entrará en vigor o 1 de xaneiro rebaixará 70% as capturas de xarda, 41% as de lirio e 26% as de abadexo. Informes elaborados na USC cifran en máis de 50 millóns de euros as perdas que enfrontará o sector pesqueiro galego co novo reparto.
Barco pesqueiro galego. (Foto: IEO)
Barco pesqueiro galego. (Foto: IEO)

O próximo 1 de xaneiro entrará en vigor  o acordo alcanzado este mes polos 27 no Consello de Ministros de Agricultura e Pesca da Unión Europea arredor dos Totais Admisíbeis de Capturas (TAC) e cotas para a pesca en 2026. Logo de intensas negociacións diante da proposta do informe científico do Consello Internacional para a Explotación do Mar (CNIE), que asesora en materia pesqueira á Comisión Europea, finalmente confirmáronse os recortes de 70% nas cotas da xarda, 41% no lirio e 26% no abadexo. Logo do acordo, o novo regulamento entrará en vigor o vindeiro 1 de xaneiro de 2026, no caso da xarda o compromiso da UE é que a rebaixa da cota é “provisional para o primeiro semestre”. No sector pesqueiro galego, nomeadamente nas frotas de arrastre do litoral e cerco, hai preocupación e “indignación” por un novo acordo de TAC e cotas de Bruxelas “preocupante” para a pesca galega. Desde a Federación Galega de Confrarías de Pescadores seu presidente e patrón maior de Ribeira, José Antonio Pérez Sieira, fala de “extrema preocupación” polo acordo final dos 27 acadado na UE. “Van moitos anos de premer e premer e de asistir a un goteo de abandono da actividade pesqueira ante a falta de rendibilidade económica”, critica Pérez Sieira.

A Federación Galega de Confrarías dirixe as súas críticas á presidencia de Costas Kadis na Comisión de Pesca, un comisario que lembran visitou Galiza fai uns meses e xa foi advertido dos impactos socioeconómicos que terían estas medidas no país. Pérez Sieira afirma que “o sector pesqueiro non quere vivir de subvencións, subsidios, ERTES ou axudas, quere facer o que sabe que é pescar e conseguir o sustento das súas familias co seu traballo mes a mes”. O ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luís Planas anunciaba esta cuarta feira “o apoio do Goberno aos profesionais do agro e do mar, por adaptarse e mitigar o cambio climático”.

Impacto socioeconómico millonario segundo a USC

O Grupo de Investigación en Economía Pesqueira da USC calculou para a Xunta da Galiza -nun informe que a conselleira do Mar, Marta Vilaverde, entregou este mes en Bruxelas ao comisario de Pesca, Costas Kadis- o impacto económico dos recortes defendidos polo CNIE e a Comisión Europea para as cotas e TAC de 2026 en especies estruturais para Galiza. A redución de 70% na cota de xarda suporá perdas directas de entre 26,5 e 28,4 millóns de euros, que serían de entre 37,1 e 39,7 millóns incluíndo efectos indirectos. No caso do lirio, o recorte aprobado por Bruxelas de 41% sumará á conta de perdas do sector pesqueiro galego entre 5,4 e 11,3 millóns. O abadexo, é segundo explicou a Nós Diario, o profesor de Economía Aplicada da USC e membro deste grupo de expertos, Gonzalo Rodríguez, “unha especie de estrangulamento” neste acordo comunitario ao ter un risco e impacto “indirectos” sobre a pesca do país. O informe da USC sinala que a captura “accidental” de abadexo afecta 3.880 buques galegos (92,5% da frota) e uns 8.000 tripulantes, co que estiman que o recorte de 26% asinado por Bruxelas podería ter un impacto socioeconómico de entre 1,7 e 14,8 millóns de euros adicionais.

As cifras das lonxas galegas avalan este impacto a partir do 1 de xaneiro. Só no caso da xarda, co recorte aprobado pola UE a cota estatal pasaría a ser de pouco máis de 6.500 toneladas. No que vai de 2025 ás lonxas galegas -segundo os datos da Xunta da Galiza- chegaron para a poxa máis de 3.000 toneladas de xarda, que aumentou o seu prezo en 51% respecto ao ano 2024 e está a cotizar de media a 2,22 euros o quilogramo.
 

Acordo “moi prexudicial” para o sector

Alejandro Pérez é armador e patrón maior da Confraría de Pescadores de Cambados (O Salnés) cualifica o acordo fechado en Bruxelas sobre os TACs 2026 como “moi prexudicial” para o sector na Galiza. Asegura que a frota de cerco e as artes menores vai ter que deixar de ir á campaña da xarda, “no noso caso entre 8 e 10 embarcacións van cada ano pero xa o ano pasado moitos deixaron de ir á campaña polas poucas expectativas e agora co recorte de 70%, menos aínda”.

Explica a Nós Diario que as cotas individuais para as frotas “non serven” porque o que está a acontecer é que fronte aos que respectan as normas “se 50% non respecta as cotas e non cumpren as recomendacións científicas, se a UE non toma medidas estamos tirando pedras no noso tellado”.

Coincide coa análise do sector o profesor de Economía Aplicada da USC Gonzalo Rodríguez, “o resultado non é bo e é entendíbel que non contente a frota galega, co acumulado que levan enriba”, afirma. Rodríguez dirixe o problema dos recortes fixados por Bruxelas á “sobrepesca no Norte”. Di que a frota galega e portuguesa “cumpre estritamente” o reparto de cotas, algo que non acontece con Noruega, Islandia, Illas Feroe ou Rusia.
 

Máis de 200 pesqueiros galegos estarán afectados

Segundo as especies que baixan os Totais Admisíbeis de Capturas (TAC) en 2026, na Galiza do total da frota pesqueira os barcos máis afectados pola redución das capturas permitidas por Bruxelas serán os das frotas de arrastre do litoral e cerco. Entre as dúas e segundo os datos do Rexistro de Buques Pesqueiros da Galiza, suman máis de 210 barcos pesqueiros galegos que sufrirán os recortes acordados en Bruxelas o pasado 13 de decembro e que entrarán en vigor o 1 de xaneiro.

Segundo a clasificación dos pesqueiros da Xunta da Galiza, a frota de arrastre de litoral atópase a medio camiño entre a frota de altura e a de baixura. Dedícase á captura de pescada, rape, rapante, xurelo e cigala no caladoiro do Cantábrico, desde Portugal a Francia. Fórmana unhas 70 embarcacións con base principalmente nos portos de Burela, Celeiro, A Coruña, Ribeira, Muros, Marín e Vigo.

No caso da frota de cerco, o último dato da Xunta refire 144 barcos autorizados para pescar no caladoiro Cantábrico-Noroeste, de todos eles hai 23 censados nos portos da ría de Vigo, outros 10 nos portos de Pontevedra, 24 nos da ría de Arousa, 29 en Muros-Noia, 32 na Costa da Morte, 17 na área Coruña-Ferrol, dous na zona de Cedeira e sete na Mariña.

Comentarios