As axudas de Medio Rural pola Covid ao vacún de carne exclúe 10.000 granxas

É a metade do sector, advirte o SLG.

Vacas pastando nos Ancares (Imaxe: A Carqueixa).
photo_camera Gando vacún pastando nos Ancares (Imaxe: A Carqueixa).

“A proposta de axudas de Medio Rural ao sector de vacún de carne ten pequenas trampas destinadas a deixar fóra a unha gran parte das posíbeis beneficiarias”. Así de contundente se manifestan desde o Sindicato labrego galego, que calcula que ficarían excluídas destas axudas pola Covid 10.000 granxas.

En primeiro lugar, indican, exclúe as granxas con menos de 10 vacas reprodutoras, “o que supón excluír 10.284 explotacións das 19.708 que hai en activo”.

A isto engaden que se destina un orzamento “manifestamente insuficiente de 12 millóns de euros” para cubrir as axudas para vacún de carne e flor. “Se solicitan a axuda só as granxas de vacún de carne que cumpren os requisitos esixidos, terían dereito a ela 9.427 explotacións que deberían cobrar máis de 16 millóns de euros”.

"Sería necesario un orzamento ao redor dos 25 millóns de euros só para poder cubrir unha axuda que chegase a todas as granxas do sector do vacún de carne”.

O SLG mantén que os  cálculos dos seus servizos técnicos indican que no mínimo sería necesario un orzamento ao redor dos 25 millóns de euros “só para poder cubrir unha axuda que chegase a todas as granxas do sector do vacún de carne”.

O Sindicato Labrego Galego lembra que é unha das organizacións que participou, o 20 de outubro, na xuntanza telemática do Comité de Seguimento do Plan de Desenvolvemento Rural PDR 2014-2020, representado pola técnica Ana Rodríguez. O tema central desta xuntanza foi a proposta de crear axudas para paliar o impacto da Covid-19 nos sectores do vacún de carne e de flor e planta.

“A pesares de que o SLG presentou unha batería de alegacións contra a proposta da Xunta, por ser manifestamente insuficiente, a Consellaría publicou, ao remate do comité, un comunicado no que fixaba a súa posición coma un feito consumado”.

Comentarios