O sector da anguía defende ante o Ministerio de Pesca unha xestión "coordinada e europea" da especie
A anguía poderase seguir pescando e consumindo na Galiza e no Estado, unha vez que a maioría das comunidades presentes na reunión desta terza feira do Comité de Flora e Fauna rexeitaron a proposta presentada pola ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco), Sara Aagesen, de incluír esta especie na categoría de "en perigo de extinción" dentro da Listaxe de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial (Lespre). Porén, a ministra xa anunciou que seguirán intentando que anguía e angula pasen a estar no Lespre.
Neste marco, esta quinta feira en Madrid desenvolveuse unha reunión entre a Secretaría Xeral de Pesca do Ministerio de Pesca e Agricultura e unha delegación da Federación de Confrarías, representada polo seu presidente, Basilio Otero; e da asociación de comercializadores de angulas e anguías, co seu secretario xeral, Uxío Benítez, e o membro da súa dirección Ibai Agirrebarrena.
"Agradecemos ao Ministerio que escoite as nosas propostas", sinalou Uxío Benítez a Nós Diario ao remate do encontro, "sobre todo nunhas semanas onde houbo falta de transparencia e moita información interesada". Aproang reafirmou na xuntanza "o seu compromiso coa substentabilidade da anguía europea e lembrou que o sector é o primeiro interesado en asegurar unha explotación responsábel que permita compatibilizar a conservación da especie coa estabilidade das comunidades onde se desenvolve esta actividade regulada".
Os comercializadores e as confrarías mostraron a súa disposición para colaborar coas administracións no deseño de medidas eficaces que permitan avanzar na recuperación da especie, "desde o rigor científico, a coordinación institucional e o respecto á realidade territorial". Na reunión, solicitaron a creación dunha mesa técnica "ciencia–sector" que permita mellorar os datos dispoñíbeis, os indicadores de seguimento e a avaliación obxectiva do estado da especie.
Ademais, reclamaron a aceleración dos plans de continuidade ecolóxica e redución de mortalidades non pesqueiras (barreiras fluviais, turbinas, bombeos, hábitat e contaminación) e o reforzo da loita contra a pesca ilegal. "A anguía é unha especie cun ciclo biolóxico que abarca 38 países e dous continentes. Non ten sentido afrontar a súa recuperación exclusivamente desde medidas locais", apuntou Uxío Benítez.
"O sector leva case vinte anos aplicando unha planificación pesqueira marcada polas normas europeas. Somos os primeiros interesados na substentabilidade da anguía porque a nosa actividade depende dela. Pedimos que as decisións se adopten cunha visión completa do problema", concluíu. "Estamos falando dunha pescaría que ten importancia en comunidades locais, de pescadores artesanais e autónomos", apunta Benítez, a este medio, e incide na necesidade de traballar para paliar "a redución do ámbito fluvial", onde se desenvolve esta especie.
