O Goberno do Estado fracasa no seu novo intento de prohibir a pesca da anguía
A anguía poderase seguir pescando e consumindo na Galiza e no Estado, unha vez que a maioría das comunidades autónomas presentes na reunión desta terza feira do Comité de Flora e Fauna rexeitaron a proposta presentada pola ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Sara Aagesen, de incluír esta especie na categoría de "en perigo de extinción" dentro da Listaxe de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial (Lespre). Porén, Aagesen insistiu ao remate do encontro en impulsar esta alternativa, asegurando que "tentámolo tres veces, pero somos un Ministerio que é resiliente, seguirémolo tentándoo as veces que sexan posíbeis".
O Goberno galego foi un dos Executivos autonómicos que se opuxo á alternativa formulada por Aagesen. Nesta sentido, a conselleira do Mar, Marta Vilaverde, cualificou a proposta do Goberno do Estado como "unha medida sen sentido" e "unha proposta estéril, xa que mentres Francia ou Portugal poderían seguila pescando e comercializando, España e Galiza non". A este respecto, asegurou que "seguiremos traballando da man do sector e seguiremos defendendo os seus intereses cando se nos convoque a ese grupo de traballo".
A proposta do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco) non conta co apoio do sector pesqueiro galego. A este respecto, alerta do impacto económico da alternativa gobernamental nunha actividade que ocupa de modo directo máis de 200 persoas na Galiza e xerou o ano pasado uns ingresos próximos aos 600.000 euros. Neste sentido, 96 embarcacións galegas dedícanse á pesca da anguía, destacando pola súa importancia os portos de Arcade (Soutomaior) e Redondela, na comarca de Vigo, que suman, respectivamente, 34 e 11 barcos dedicados a esta pescaría.
O presidente da Federación Galega de Confrarías, José Antonio Pérez Sieira, lembrou a Nós Diario que "nas rías de Vigo, Pontevedra, Arousa e Ferrol hai moita xente que vive da pesca da anguía" e reclamou que se garanta a actividade "porque levamos xa moitos anos cun plan de xestión responsábel deste recurso, até o punto de que a súa pesca xa está vedada durante seis meses ao ano". Na mesma dirección, apuntou que "non é normal que só un dos 20 Estados da Unión Europea declare a anguía como unha especie en risco de extinción".
Rianxo (O Barbanza) é un dos concellos da ría de Arousa con embarcacións dedicadas á pesca da anguía. Nesta orientación, o presidente da confraría da localidade, Miguel Ángel Iglesias, indicou a Nós Diario que "neste momento hai sete barcos que andan á anguía, aínda que venden de modo directo na lonxa de Ribeira". Ao tempo, destacou que "nos últimos anos o sector fixo un esforzo de contención moi grande, con vedas de seis e sete meses. Isto provocou que haxa máis anguía e se, hai comunidades autónomas que están mal porque non fixeron ben as cousas, non é lóxico que nos carguen a nós 'o morto'".
"Unha tomadura de pelo'"
"Esta alternativa do Miteco é unha tomadura de pelo", explicou Iglesias, quen criticou que "se pretenda fechar aquí a pesca de anguía mentres Portugal, Inglaterra ou Francia seguen pescando". Neste punto, denunciou que "se están tomando medidas sen sentido, sen consultar e sen ter en conta a opinión do sector" e advertiu que "semella que queren que o sector pesqueiro desapareza, parece que queren matalo". Na mesma liña, alertou que "esta medida chegou no peor momento, cando se corre o risco de que o marisco desapareza en moitos dos concellos da ría de Arousa".
Unha decisión adiada desde hai anos
A opinión do sector pesqueiro non é partillada pola maioría do movemento ecoloxista e por unha parte da comunidade científica. A este respecto, o biólogo e consultor ambiental Xabier Vázquez Pumariño, quen hai xa dous anos alertou desde as páxinas de Nós Diario sobre o risco de extinción das anguías, das lampreas e dos salmóns, indicou a este xornal que "ao Goberno do Estado non lle queda máis remedio que prohibir a captura desta especie, que xa se atopa en vías de extinción desde hai anos". Neste punto, significou que a anguía e a lamprea xa estaban propostas en 2002 como especies vulnerábeis".
"Os Gobernos móvense moi tarde, a declaración da anguía como especie en vías de extinción debíase ter tomado hai anos", afirmou Vázquez Pumariño, quen destacou que "ningunha destas especies debería pescarse e o seu nivel de protección debería ser similar ao do lince ibérico ou o oso pardo". Na mesma dirección, denunciou que "no caso da anguía non só se capturan adultos, mesmo de xeito profesional, senón que existe un método máis eficaz para extinguilas: capturar as larvas, as angulas; chegándose a pagar até 10.000 euros por quilo".
Os encoros, un factor chave na mortalidade das anguías
A anguía é unha especie cunha bioloxía fascinante e que aínda garda moitos misterios para a comunidade científica. Segundo explica o biólogo Xabier Vázquez Pumariño, "é unha especie migratoria que vive alternativamente no mar e nos ríos. Reprodúcese no mar dos Sargazos, nas proximidades do Caribe, e migra en forma de larva até os esteiros europeos onde vai cambiando de fase até chegar a adulto. Unha destas fases é ben coñecida, a de angula".
Vázquez Pumariño responsabiliza do estado actual das reservas de anguías "á construción de grandes presas que supuxo o levantamento de barreiras infranqueábeis ao seu paso, diminuíndo así drasticamente o hábitat dispoñíbel e modificando, augas abaixo, as condicións ambientais dos ríos". Neste punto, destaca que "non temos máis que pensar como están os grandes ríos galegos, desde o Eo até a bacía do Miño e do Sil".
José Antonio Pérez Sieira advirte dos impactos xerados polos encoros na anguía. A este respecto, sinala que "as presas non deixan facer á anguía o seu ciclo completo de reprodución, provocando unha grave mortalidade", e critica que se culpe á pesca da "situación actual da especie, cando en Galiza levamos moitos anos facendo unha pesca responsábel".

