Sánchez dá por feito que Calviño presidirá o BEI

O presidente español evita dar o nome da persoa que a substituirá na Vicepresidencia e o Ministerio de Economía e asume a súa marcha como "unha enorme perda".
A vicepresidenta primeira e ministra de Economía, Nadia Calviño, na reunión do Ecofin do pasado 15 de setembro en Compostela. (Foto: Arxina)
photo_camera A vicepresidenta primeira e ministra de Economía, Nadia Calviño, na reunión do Ecofin do pasado 15 de setembro en Compostela. (Foto: Arxina)

O presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, deu por feito esta quinta feira que a vicepresidenta primeira e ministra de Economía, Comercio e Empresa, Nadia Calviño, será designada esta sexta feira como nova presidenta do Banco Europeo de Investimentos (BEI) na reunión que manterá o denominado Ecofin. "Mañá, eventualmente, tomarase a decisión de designala, pero posteriormente, nun Consello do BEI, ten que ser nomeada oficialmente e posteriormente facer o traspaso", precisou, nunha entrevista con Antena 3.

Sánchez matizou que ese traspaso "non será inmediato" porque pasarán uns meses até que se materialice. "Eu creo que mañá pode ser un bo día para España na súa presenza nas institucións europeas", subliñou. O presidente español salientou que o BEI "é unha institución financeira moi relevante á hora de vehicular recursos económicos para os investimentos vinculados cos fondos europeos".

Sánchez afirmou que a marcha de Calviño será "unha enorme perda" para el "no persoal e no político". "Téñolle moito agarimo e moito respecto. A min paréceme que é moi importante ter mulleres en carteiras tan importantes para o noso país, como é a Transformación Dixital, como é a Economía, pero creo que vai ser unha boa noticia para España", engadiu.

Preguntado por quen substituirá a Calviño á fronte do Ministerio de Economía, e tamén quen asumirá a Vicepresidencia Primeira do seu Executivo, Sánchez asegurou que "tanto dentro como fóra do Goberno" hai "potentes economistas". Xa nos últimos días asegurou que xa elixiu a persoa que a sucederá, se ben o seu nome aínda non transcendeu.

Estas declaracións de Pedro Sánchez chegan logo de que o ministro de Finanzas belga e presidente do Consello de Gobernadores do Banco Europeo de Investimentos (BEI), Vincent Van Peteghem, propuxese Calviño como candidata ao considerar, tras as consultas pertinentes, que conta co apoio suficiente para liderar a partir do 1 de xaneiro de 2024 o organismo.

Comentarios