O ocio nocturno protestará en Compostela pola súa situación “límite”

O empresariado sostén que as axudas do SEPE non chegan e que as que fornece a Xunta da Galiza son "insuficientes" para manter os locais. Por exemplo, lamentan que a liña de subvencións ao alugueiro dos locais ofrecera oportunidades moi reducidas.
Imaxe de arquivo dunha zona de ocio nocturno en Lugo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
photo_camera Imaxe de arquivo dunha zona de ocio nocturno en Lugo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

Se a hostalaría xa é dos sectores que máis está a padecer as limitacións derivadas da escalada do coronavirus, dentro deste ámbito empresarial o peor parado é o empresariado do ocio nocturno. Co toque de recoller apenas tiveron marxe de abrir as súas portas e a súa situación xa é “límite”. Para protestar polas dificultades de supervivencia ás que a leva a Xunta ultiman unha manifestación para o día 6 de febreiro en Compostela.

O presidente da Asociación de Establecementos Musicais e Espectáculos Regulados (Apemer), Carlos Rodríguez, foi o encargado de transmitir o acordo de todas as entidades que agrupan ás empresarias e empresarios deste tipo de negocio para que a protesta sexa en toda Galiza.

Após “dez meses fechados” din que as axudas “non chegan” por parte do SEPE e o apoio da Xunta é “insuficiente” polo que nas empresas están cada vez máis afogados.

Por exemplo, segundo Rodríguez, só 280 locais tiveron a oportunidade de solicitar as axudas para os alugueiros cando estimaban que polo menos serían para 800.

Aliás, se a situación se prolonga moito máis, prevén que os Expedientes de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) muden en Expedientes de Regulación de Emprego (ERE) por despedidas definitivas do panorama nocturno do país. Xa hai meses que a Federación Galega de Salas de Festa e Discotecas (Fesdiga) admitía a Nós Diario que era probábel a desaparición dunha importante representación deste ámbito do lecer.

As entidades sosteñen que non é unha responsabilidade só do Executivo galego senón tamén das entidades locais e do Goberno do Estado español. Ven que o modelo valenciano podería ser exportábel a Galiza.

Antes da mobilización en Compostela, para a que pedirán todos os permisos, a segunda feira participarán nunha acción reivindicativa conxunta coa hostalaría en xeral e o comercio de proximidade en Vigo. A cita será ás 10.30 horas na delegación da Xunta. De feito, hoxe mesmo continuaron as protestas da hostalaría nalgunhas cidades nas que se lamentaba que mentres o bar está fechado, o autobús circule “abarrotado”.

Comentarios