Os acredores de Celsa sitúan aos mandos Rafael Villaseca, ex conselleiro delegado de Gas Natural

Rafael Villaseca preside actualmente a Fundación Naturgy. (Foto: David Zorrakino / Europa Press)
Villaseca substitúe Francesc Rubiralta, a quen unha sentenza xudicial arrebatou definitivamente o poder da compañía, que ten operativa unha fábrica na Laracha.

Os fondos acredores do Grupo Celsa veñen de elixir Rafael Villaseca como presidente do consello de administración en substitución de Francesc Rubiralta, que perdeu o poder accionarial esta segunda feira por unha sentenza xudicial derivada da fase concursal á que se viu sometida a compañía. Tras a homologación por parte do xulgado do plan de reestruturación presentado polos acredores do Grupo Celsa, a empresa aposta polo ex conselleiro delegado de Gas Natural Fenosa para pilotar a nova etapa de Celsa.

Con este nomeamento, os fondos celebran a súa aposta por "unha figura recoñecida e de consenso coa Administración", e cumpren así co compromiso anunciado no seu plan de reestruturación de pór a compañía en mans de executivos independentes "de primeiro nivel e con dilatada traxectoria profesional".

Villaseca, enxeñeiro pola Universitat Politécnica de Catalunya (UPC) e MBA por IESE, foi conselleiro delegado de Gas Natural Fenosa, hoxe Naturgy, durante trece anos, entre 2005 e 2018, e é o actual presidente da Fundación Naturgy. Tamén é conselleiro de Cementos Molins e de VidaCaixa, e foi membro do Consello Asesor de Foment del Treball Nacional, a patronal catalá.

No pasado, entre outros cargos, desempeñou os de conselleiro de Enagás e Amper e de conselleiro director xeneral do Grupo Panrico. Aliás, foi nomeado conselleiro delegado do Ano nos Platts Global Energy Awards de 2010, os premios máis importantes do sector enerxético a nivel mundial.

A súa traxectoria tamén inclúe postos de responsabilidade en Nueva Montaña Quijano, como conselleiro delegado; presidente de Gestión de Infraestruturas; presidente do Grupo INISEL —hoxe INDRA—; presidente do Club Español da Enerxía, e vogal da Xunta Directiva do Círculo de Economía.

Este nomeamento, engaden os novos responsábeis de Celsa, supón "o recoñecemento por parte dos acredores do carácter estratéxico da siderúrxica e da súa importancia para a economía española", así como o seu compromiso co obxectivo de "garantir estabilidade financeira da empresa, o mantemento do emprego e das operacións no Estado español", así como a súa proxección internacional.