O Goberno español dá luz verde ao rescate de Celsa

O Goberno español autorizou axudas con cargo ao Fondo de Apoio á Solvencia de Empresas Estratéxicas, xestionado pola Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI), para un total de seis empresas, entre as que se atopa a siderúrxica catalá, con planta na Laracha.

Traballadores de Celsa, durante a protesta do 11 de xuño (Imaxe: Nós Diario)
photo_camera Traballadores de Celsa, durante a protesta do 11 de xuño (Imaxe: Nós Diario)

En rolda de prensa tras o Consello de Ministros, a ministra portavoz do Goberno, Isabel Rodríguez, sinalou que estes seis 'rescates', polo impacto que tivo a pandemia do Covid nestes grupos, representan un importe total de 721 millóns de euros.

O obxectivo pasa por "manter a actividade e o emprego", que afecta, atendendo aos empregos directos, uns 18.000 traballadores e traballadoras.

En concreto, xunto a Celsa, as outras cinco empresas que recibirán este respaldo con cargo ao fondo xestionado por SEPI, cuxa vixencia expira este 30 de xuño, figuran as enxeñerías asturianas Imasa e Isastur, as clínicas dentais Vivanta e as cadeas hostaleiras Blue Sexa e Meeting Point.

No caso de Celsa, a axuda aprobada polo consello xestor do fondo ascendía a un importe de 550 millóns de euros, sendo a máis cuantiosa de todas, canalizados a través dun préstamo participativo de 280,5 millóns e outro ordinario de 269,5 millóns.

O presidente do Comité aposta por unha "tarifa eléctrica galega"

En declaracións a Nós Diario, o presidente do Comité de Empresa, Agustín Méndez, ten afirmado que as industrias electrointensivas, como Celsa, están “consumidas” polos “altos custos de produción”, motivo polo cal aposta nunha “tarifa eléctrica que nos permita competir co resto de Europa e o que acontece é todo o contrario, duplícase o prezo". 

Nese sentido apuntaba que na industria electrointensiva "quedamos sen futuro polos beneficios millonarios que levan as eléctricas todos os trimestres".

Precisamente, traballadoras e traballadores de Celsa mobilizáronse o día 10 deste mes para manifestar a “profunda preocupación” ante a grave situación que atravesa a factoría da Laracha pola falta de financiamento.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios