Que concellos non atoparon comprador para ningunha vivenda en anos?

Beade, na comarca do Ribeiro, é un dos municipios sen demasiado movemento inmobiliario. (Foto: Concello de Beade)
A pesar de que a pandemia da Covid-19 provocou o incremento do interese das e dos galegos por ter propiedades con espazos de lecer como as terrazas e os xardíns, a reactivación do mercado inmobiliario non chegou a todas as zonas por igual. Ao rural saíronlle simpatizantes, pero sobre todo naquelas zonas próximas ás grandes urbes para contar con todos os servizos. De feito, na Galiza hai municipios nos que non se vende ningunha vivenda desde hai tempo.

O propio sector inmobiliario recoñeceu o ano pasado, despois da corentena, que se incrementara a demanda de vivenda con máis espazo de lecer fóra das cidades. O interese polas zonas menos urbanas tamén apareceu nas estatísticas oficiais. Porén, non todos os municipios da Galiza atraen as miradas das e dos posíbeis compradores.

Certas zonas do rural, especialmente en localidades costeiras, son atractivas nestes tempos. O seu poder para atraer novas veciñas ou, polo menos, residentes ocasionais creceu ao tempo que a desesperación por poder saír das casas durante a etapa máis ríxida de restricións derivadas do coronavirus.

O ano pasado o mercado inmobiliario reactivouse con especial intensidade naquelas zonas onde había casas con xardíns ou terras e este ano a dinámica vén sendo algo similar, se ben o ritmo de acordos de compra-venda baixou un pouco. Mais sempre mirando a proximidade con cidades ou vilas con todos os servizos.

Iso fai que ao tempo que a poboación aumenta nalgunhas localidades do país, noutros concellos o despoboamento continúe a ser a regra xeral. Os parques eólicos, como din as entidades expertas, contribúen a que o rural perda veciñas e veciños pero tamén o fai o feito de non contar con servizos que hoxe en día se consideran fundamentais perto.

Así, hai municipios nos que o mercado inmobiliario é nulo, ou case. Que se venda ou que se compre un inmoble é noticia. De feito, hai localidades cunha total paralización deste sector económico.

Queres coñecer os seis concellos con menos vendas?

Antas de Ulla

Unha das localidades situadas no centro da Galiza é desas que apenas esperta o interese das potenciais veciñas. Malia o encanto das súas aldeas, este punto do país interior non deu saída a ningunha vivenda no primeiro trimestre do ano, tal e como recolle un informe do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana. No mesmo período do ano pasado, antes de coñecer o virus, as vendas tamén foron nulas, ao igual que as contabilizadas entre xaneiro e marzo de 2019.

Baltar

Neste concello da comarca da Limia non atopou ningunha persoa interesada en mercar no primeiro trimestre nos últimos tres anos. Hai que regresar a 2018 para atopar o rexistro dun acordo e un ano antes asináronse dous. Esta zona próxima á Serra do Larouco estaría satisfeita con nova veciñanza.

Beade

Esta localidade é das menos habitadas da Galiza e tamén a extensión é reducida con respecto a outros municipios do país. Por iso non é difícil crer que comezou este exercicio e os cinco anteriores sen fechar a venda dunha casa. Unha das súas particularidades é que se atopa na comarca do Ribeiro, polo que non é difícil gozar das panorámicas das plantacións de uva.

Beariz

Esta vila próxima ao Carballiño, Boborás e Avión, entre outros núcleos igualmente coñecidos, logrou colocar unha vivenda nos últimos seis exercicios. A páxina web do Concello de Beariz promociona como atractivo turístico varios itinerarios por espazos naturais.

Calvos de Randín

Neste concello tampouco atoparon saída as propiedades en venta entre xaneiro e marzo de 2021, 2020 e 2019. En anos anteriores si houbo mudanzas. A xente que decida mudarse a este concello do interior da Galiza poderá gozar da historia, pois hai até 18 monumentos megalíticos. Destacan, por exemplo, sete mámoas. Algunhas das chaves da súa economía son a gandaría e o sector forestal.

Chandrexa de Queixa

Malia que hai outros puntos do país nos que non se moveu o mercado inmobiliario no inicio deste ano e o pasado, o certo é que Chandrexa é outro dos que ten unhas estatísticas máis negativas a este respecto. Leva seis anos saudando o ano sen acordos de compra-venda, segundo o informe da área de Vivenda do ministerio. Deste lugar das Terras de Trives destacan, no propio departamento de turismo, o muíño dos Pela, a fervenza de Dorelle e a aposta na etnografía.

Pontedeva

Ao igual que Chandrexa, non fechou operacións de cambio de mans de propiedades na apertura dos seis últimos exercicios (contando 2021). A súa poboación, como no resto de localidades, está bastante envellecida e como atractivo para turistas -ou para novas e novos veciños- ten, entre outros elementos, cinco pontes romanas que xa forman parte do patrimonio galego.

Cos resultados destes seis concellos rivalizan, de perto, Abadín, Paradela, Cualedro, Gomesende, Montederramo e Trasmiras.

Aliás, malia a reactivación do mercado da venda de inmobles no rural, no primeiro trimestre do ano en curso non lograron vender nada en Aranga, A Capela, Frades, Irixoa, Tordoia, Láncara, Negueira de Muñiz, As Nogais, Triacastela, Os Blancos, A Bola, Carballeda de Avia, Castrelo de Miño, Castelo do Val, A Gudiña, A Mezquita, Petín, Verea, Vilardevós, Xunqueira de Ambía, Meis e Pazos de Borbén.