domingo 05.07.2020

PSA tería que levar a produción a Francia se quere optar a un rescate do Goberno francés

O ministro francés de Economía e Finanzas pon como condición ás empresas do sector o retorno da produción se queren as axudas.
Traballadoras na planta de PSA en Balaídos (PSA).
Traballadoras na planta de PSA en Balaídos (PSA).

As dúas liñas de produción da planta viguesa do grupo PSA están xa operativas. De momento só cunha das tres quendas. O resto do cadro de persoal está afectado por un Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) até que a situación do mercado se vaia normalizando.

O futuro do sector en toda Europa é incerto. Os fabricantes piden un plan consensuado entre os diferentes territorios para incentivar a compra de vehículos e darlle saída á produción. As empresas fan os seus números e as axudas son, en moitos casos, a súa táboa de salvación. 

Pero esas axudas non van chegar sen condicións. O Goberno de Francia, onde ten a súa matriz o grupo PSA, pero tamén o grupo Renault, xa dixo que se as empresas do sector pedían a súa axuda pola vía da inxección de capital, estas terían que levar de volta ao país a súa produción.

Así o indicou o ministro de Economía e Finanzas, Bruno Le Maire, en declaracións á cadea de radio BFM Business, onde afirmou que a industria automobilística francesa "deslocalizou demasiado e debe botarse atrás". Esa sería a "contrapartida" ás axudas do Goberno galo, que mira polo futuro da súa industria. "Está en xogo a nosa industria do automóbil", advertiu xa o propio Le Maire en abril.

Traslado complicado

En Vigo, de momento non lle dan maior importancia ás palabras do ministro francés. Na factoría galega son conscientes de que os modelos que producen non se poderían levar tan facilmente ás outras fábricas do grupo en Francia.

Manuel Domínguez, responsábel da sección sindical da CIG en Citroën, recoñece a Nós Diario que a produción "segue firme" e que mesmo están pensando tamén en "internalizar" algúns dos traballos que viñan facendo nas auxiliares para dar emprego a "entre 70 e 80 persoas" das afectadas polo ERTE, segundo lles comunicou a dirección da planta o pasado día 11.

A de Balaídos é a factoría que máis vehículos produce para a firma do dobre chevrón, entre os modelos que fabrica están as furgonetas Rifter (Peugeot), Berlingo (Citroën), Combo (Opel) e Proace Verso (Toyota), o Citroën C4 Spacetourer, o C-Elysée, e os Peugeot 301 e 2008.

Ademais da de Vigo, PSA conta con dúas factorías máis no Estado español, unha en Madrid, onde produce o modelo C4 Cactus, e outra en Figueruelas (a antiga Opel), na que ensambla os modelos Corsa e Crossland X da firma alemá, integrada en 201, e o Citroën C3 Aircross. 

Futuro incerto

O único no que podería facer presión o Goberno francés, que controla 12% do consorcio PSA, unha participación que quedará en 6% cando remate a fusión co grupo Fiat, é forzar a que os novos modelos eléctricos se produzan no país. Desta forma, a produción do resto de modelos veríase penalizada, xa que a Unión Europea prima unha mobilidade menos contaminante. 

Da factoría viguesa saen agora menos dun terzo dos vehículos que producía, xa que só traballa unha quenda das tres existentes e cunha menor cadencia polas medidas excepcionais de seguridade pola COVID-19. Os coches, de momento, seguirán a saír das instalacións de Balaídos.

A fusión segue adiante

Os órganos de dirección de Fiat Chrysler Automobiles (FCA) e o PSA confirmaron onte que os preparativos para a execución da fusión entre ambas as compañías, anunciada o pasado mes de decembro, avanzan "ben".

As dúas corporacións destacaron os avances positivos na integración a 50% das dúas firmas automobilísticas, nos que inclúen tamén as aprobacións das autoridades legais e de competencia. Nestes plans, apuntan, non está a influír a crise provocada pola COVID-19. De feito, manteñen a data para a combinación dos seus negocios, "segundo o previsto", para antes de que remate o primeiro trimestre de 2021.

A fusión de ambos os dous, como indicaron no seu día, fará do grupo resultante o cuarto do mundo por volume de vendas, cunha facturación anual de 170.000 millóns de euros.

PSA tería que levar a produción a Francia se quere optar a un rescate do Goberno francés
comentarios