luns 25/10/21

Fedea propón eliminar o imposto especial sobre a electricidade por non estar xustificado

Á espera de coñecer as medidas a adoptar polo Goberno español para rebaixar o impacto da alza do prezo da enerxía no recibo da luz, a Fundación de Estudos de Economía Aplicada (Fedea) propón revisar a fiscalidade e suxire facer permanente a suspensión do imposto de xeración e tocar o imposto especial sobre a electricidade.
Factura da luz (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).
Factura da luz, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).

Co prezo da enerxía marcando máximos consecutivos nos mercados ─esta terza feira é 0,5% máis barato que na segunda, pero con 153,43 euros o megawatt hora mantense como o segundo máis alto da serie histórica─, o debate político e social céntrase en como abaratar o recibo da luz para as persoas consumidoras. 

Para as persoas expertas da Fundación de Estudos de Economía Aplicada (Fedea) a solución podería pasar por unha eliminación do imposto especial sobre a electricidade, ou unha redución á décima parte para cumprir cos requirimentos de Bruxelas, así como a do imposto de xeración, actualmente suspendido. 

Nun informe publicado esta segunda feira e asinado polo economista Diego Rodríguez, a institución considera que, para atallar a actual suba de prezos da enerxía, poderíanse reducir os impostos que gravan a produción e o consumo eléctrico e sacar da tarifa eléctrica algúns custos, como as retribucións á xeración nos territorios extrapeninsulares.

Nesta liña, o autor avoga por facer permanente a supresión do imposto de xeración (7%), temporalmente suspendido e que pagan as persoas consumidoras no seu recibo pese a non ser o suxeito pasivo do mesmo. Segundo indica, o oco de ingresos que deixaría a súa eliminación podería ser cuberto cos procedentes dos dereitos de emisión de CO2, cunha oferta cada vez máis reducida e uns prezos que se manterán en niveis elevados nos próximos anos.

Xunto a este imposto, propón tamén eliminar o especial sobre a electricidade (5.11%), introducido en 1997 polo PP para compensar a supresión do recargo polas axudas á minería do carbón. En 2021, con esta actividade xa desaparecida, este imposto "non está xustificado", apunta, ademais de lembrar que se trata dun imposto "en cascada", pois aplícase unha vez repercutido o IVE ao prezo da enerxía.

Fiscalidade ambiental

Con todo, a supresión non é sinxela, pois a Unión Europea estabelece unha imposición mínima de 1 euro por megawatt hora para reducir as diferenzas fiscais entre países. Porén, desde Fedea indican que "unha redución á décima parte sería respectuosa coa normativa comunitaria e eliminaría un imposto cuxa razón de ser non se xustifica na actualidade, se é que o fixo nalgún momento", engade. 

O único problema sería que, ao existir xa un imposto especial sobre hidrocarburos ─tamén os hai para alcohol e tabaco─ a súa supresión "afondaría na asimetría no tratamento fiscal dos produtos enerxéticos", algo que podería solucionarse cunha reforma da fiscalidade ambiental que, segundo Rodríguez, "non debería dilatarse".

Outros custos regulados 

Sobre os custos regulados das redes, Fedea constata que non hai marxe para unha rebaixa a curto prazo nas peaxes que han de cubrir tales custos. "Si haberá unha posibilidade moito máis temperá de reducir os cargos na factura dos consumidores eléctricos cando entre en vigor o novo Fondo para a Sustentabilidade do Sistema Eléctrico", sinala o informe.

A isto hai que sumar a eliminación do pagamento da débeda dos custos regulados a partir de 2028, ao que o economista de Fedea engade a posibilidade de eliminar da factura os custos dos sistemas extrapeninsulares, que agora asume o Estado español a 50% vía Orzamentos e que Rodríguez propón que asuma na súa totalidade. 

En canto aos custos regulados das renovábeis cun sistema de retribución específica, que serán financiados polo Fondo de Sustentabilidade, o informe propón revisar o calendario de axuste para anticipar os efectos positivos sobre os custos que terá o axuste á baixa da retribución que recibirán ao final do sub período regulatorio en 2023, xa que a que están a percibir é moi superior á esperada.

Revisión das concesións hidroeléctricas

Por último, Rodríguez suxire a conveniencia de modificar o deseño das concesións hidroeléctricas que vaian vencendo, tal e como vén propondo a CIG para a Galiza. Isto poderíase facer cunha combinación de poxas con taxas específicas, fixas ou variábeis, polo uso dese recurso, asociadas a unha "drástica" redución da duración das mesmas, que non deberían superar os 15 ou 20 anos, co fin de evitar quedar encerrados nunha relación de moi longo prazo nun contexto de transición enerxética rodeada de incertezas.

En relación ás posíbeis medidas de minoración de beneficios sobrevidos, o documento salienta que estas non deben distorsionar a eficiencia no funcionamento do mercado ou comprometer os incentivos para a entrada de nova capacidade renovábel.

comentarios