Pescados Rubén busca unha saída á crise financeira para non ir a concurso de acredores

Instalacións de Pescados Rubén en Foz (A Mariña). (Foto: Burela FS)

A pesqueira, que deixou o histórico patrocinio do Burela FS, ten á venda as súas instalacións.

O xerente da empresa de Foz (A Mariña) Pescados Rubén, Manuel Blanco, avanzou esta terza feira que está a negociar unha saída rápida á crise que atravesa a firma, pero que aínda é cedo para explicar "nada máis" xa que están "en negociacións".

Así o confirmou despois de que hai uns meses a empresa que chegou a alcanzar cifras de facturación de 43 millóns de euros e que conta con 80 traballadores, anunciara a retirada do histórico patrocinio do club de fútbol sala de Burela, que ten dous equipos en Primeira División, debido a problemas económicos.

A empresa, asentada no polígono de Fazouro, asegurou que tiña problemas de solvencia debido a unha débeda acumulada con provedores e atraso nas nóminas. Blanco indicou que se buscan distintas vías para salvar a empresa e os postos de traballo. A finais do ano pasado, a pesqueira anunciou a venda de parte das súas instalacións co obxectivo de recibir unha inxección de capital.

Pescados Rubén, comercializadora de peixe fresco, elaborado e conxelado, e que negocia en 40 países, foi fundada en 1964 polo matrimonio formado por Rubén e Cesarina. Co paso dos anos foise estendendo o negocio até ser un referente na comarca da Mariña.

A compañía pasou a mans dos tres fillos, sendo dirixida por Concepción Blanco, que foi relevada hai uns dous anos. Atravesa agora o peor momento da súa historia e busca unha saída para non ter que recorrer a un concurso de acredores.

Reaccións

O alcalde de Foz, Francisco Caxoto, foi unha das primeiras autoridades en facer unha chamada de atención sobre a crise de Pesados Rubén indicando que fará unha rolda de contactos para impulsar o mantemento da firma.

Preocupan os 80 postos de traballo que poderían perderse nunha comarca que sufriu varios reveses económicos nos últimos tempos, como a situación que atravesa Alcoa, ou os feches de Vestas e Albo, entre outros.

Cuestionado polos xornalistas sobre Peixes Rubén, o conselleiro de Emprego, José González, sinalou que non coñece os "detalles" da situación que atravesa a empresa radicada en Foz e que o papel das administracións en casos de concursos é prestar "toda a axuda posíbel" para que poidan "sacar adiante a actividade económica sempre que sexa posíbel".

"Sábese que os concursos son situacións complicadas desde un punto de vista económico, pero temos que tratar de salvagardar, na medida do posíbel, tamén os empregos de calidade, como pode ser este caso", trasladou González en declaracións aos medios esta terza feira en Santiago.