Pescados Rubén deixa o patrocinio do Burela FS após 20 anos
"A situación actual do sector da transformación pesqueira levan á dirección da empresa a ceder o lugar privilexiado como patrocinador principal a novas corporacións que aposten pola igualdade no deporte e a profesionalidade de club, con dous equipos na máxima categoría feminina e masculina do fútbol sala".
Con estas palabras o Burela FS comunicou esta cuarta feira nas súas redes social a marcha de Pescados Rubén como patrocinador principal do club. "Todos os logros deportivos e sociais, títulos, referencias como club en materia de igualdade e de profesionalidade conseguidos pola entidade nunca serían posíbeis sen a presenza de Pescados Rubén", sinala o club burelao.
Referente social e deportivo
A entidade deportiva agradece o apoio incondicional desta compañía local líder na industria da pesca que agora enfronta novos retos no sector da transformación. "Non hai palabras suficientes para mostrar o noso agradecemento á empresa, a aposta polo club e o seu alcance serán valorados por todos co paso do tempo, a directiva xa o fai agora e o seu agradecemento para sempre nos acompañará".
O Burela FS entra nunha nova etapa, asegura o club, "na procura dun patrocinador principal que aposte polos valores do deporte e da igualdade en todos os ámbitos e cuxa axuda permita á entidade seguir crecendo e sendo un referente destes valores".
O Pescado Rubén Burela logrou nos últimos anos grandes éxitos deportivos, nomeadamente na categoría feminina, hexacampioas de Liga e con máis dunah vintena de campionatos e subcampiontos no seu palmarés.
