Traballadores de Alcoa piden en Xove a "implicación" de Goberno español e Xunta: "Se non hai solución, que haxa intervención"

O persoal da factoría de San Cibrao advirte que seguirá coas mobilizacións.
Traballadores de Alcoa concentráronse diante do concello de Xove (A Mariña) este 11 de xaneiro. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
Traballadores de Alcoa concentráronse diante do concello de Xove (A Mariña) este 11 de xaneiro. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

Traballadores de Alcoa retomaron as protestas e concentráronse este sábado no municipio de Xove (A Mariña) para reclamar a "implicación" do Goberno do Estado e da Xunta da Galiza "na resolución do problema" da factoría.

O persoal da multinacional escolleu a praza do Concello de Xove pasadas as 20 horas, cando xa se fixera a noite. Alí, os manifestantes acenderon bengalas e proclamaron cánticos como 'enerxía solución' e 'sen industria non hai futuro'.

"Temos un problema moi grave. O Goberno non dá signos de vida, non di nada, nin sabemos nada del desde hai un mes cando suspendeu a reunión de seguimento e, por outra banda, Alcoa tampouco di nada máis aló de que non quere facer o forno. Uns feitos totalmente contrarios ao que asinaron", clamou o presidente do comité de empresa, José Antonio Zan.

Desde o balcón da casa do concello e dirixíndose aos participantes na protesta, Zan incidiu en que se "non hai unha solución" aos "problemas da empresa", que "haxa unha intervención".

Os traballadores advertiron de que seguirán coas protestas, e todo iso mentres segue pendente a mesa de seguimento do pacto da planta en San Cibrao, no municipio de Cervo (A Mariña), que foi suspendida polo Goberno español a pesar de ser convocada inicialmente para o pasado 9 de decembro.

Previamente, o 23 de novembro, houbo unha mobilización dos traballadores en Ribadeo (A Mariña), na cal terminaron cortando a autovía A-8 que une a Galiza con Asturias. Xa antes, Alcoa anunciara un preacordo coa compañía enerxética Ignis EQT como socia investidora para a planta instalada na comarca.

Comentarios