xoves 06/08/20

Os expertos vaticinan unha mellora da situación económica nos vindeiros meses

Unha melloría da economía na segunda metade do ano e un aumento moderado do consumo doméstico en 2021. Ese é o futuro que debuxan os expertos do Consello Galego de Economistas, que tamén apostan en dotar de maior flexibilidade o mercado laboral modificando a actual lexislación.
A hostalaría está a tirar do consumo no verán (Arxina).
A hostalaría está a tirar do consumo no verán (Arxina).

Optimismo entre os economistas galegos nas súas previsións para a Galiza para os vindeiros meses. Así se desprende dos resultados do último Barómetro de Economía elaborado polo Consello Galego de Economistas, o órgano que aglutina os colexios de economistas do país, no que as persoas expertas entrevistadas debuxan un futuro a curto prazo máis positivo do que albiscaban seis meses atrás.

Segundo o documento, máis da metade das e dos economistas preguntados (51,7%) cre que no segundo semestre do ano mellorará a situación da economía galega, pero discrepan na velocidade desta recuperación. Así, 30% opina que Galiza medrará a un rimo inferior do que o fará o conxunto do Estado español, fronte a 28% que a ve como un dos territorios que logrará máis velocidade na súa recuperación.  Con todo, o segmento máis numeroso (43%) é o que vaticina un incremento na liña da media territorial.

O barómetro, o primeiro que se realiza após a crise derivada da Covid-19 e que se corresponde co primeiro semestre do ano, apunta que 63% das e dos economistas preguntados, nesa mesma liña de optimismo contido, agardaban un aumento do consumo  doméstico en 2021, aínda que a ritmo moderado, un dato que contrasta con 21% que cre que o fará, mais de forma lenta. 

Reforma laboral

O informe elaborado polo Consello Galego de Economistas consta de varias preguntas que se manteñen ao longo do tempo e outras de máxima actualidade que varían en función do ritmo que marca a realidade económica. No primeiro bloque, abórdanse cuestións como a valoración da situación económica persoal, a avaliación da economía na Galiza e no Estado español, ou os factores que inflúen na competitividade.

No barómetro do primeiro semestre de 2020, o segundo bloque inclúe como preguntas de actualidade as perspectivas de aumento da economía e a evolución do consumo, cos resultados antes comentados, e unha terceira cuestión sobre a posibilidade de modificar a reforma laboral, como propoñen algunhas forzas políticas. 

En relación a este asunto, máis da metade dos economistas galegos que participaron na sondaxe (51%) opinan que toda reforma debería ir encamiñada a desenvolver un marco de maior flexibilidade laboral, fronte a 32% que considera que a reforma laboral non debería ser modificada. Tan só 13% cre que a reforma debería basearse en desmontar a actual co obxectivo de encarecer e dificultar o despedimento.

Os datos referidos a esta última cuestión varían en función da situación laboral da persoa entrevistada. Así, 37% das economistas en situación de desemprego apostaban nunha reforma que endurecese o despedimento por tan só 4% de empresariado ou traballadoras e traballadores por conta allea que apoia dita opción. En posicións intermedia sitúase o persoal asalariado do sector público (20%), o do sector privado (18%) e o colectivo de persoas xubiladas (14%).

Recuperación das exportacións

As exportacións galegas de mercadorías alcanzaron en maio de 2020 un valor de 1.003,4 millóns de euros, o cal supón un
descenso dun 48,6% respecto ao mesmo mes do ano anterior. O dato de maio súmase á tendencia descendente que se iniciou no mes de marzo.

En termos xerais, o comportamento das exportacións galegas segue a ser peor que o conxunto do Estado español (7,7% de caída anual acumulada fronte 11,8% na Galiza), en parte pola maior concentración das exportacións en sectores especialmente golpeados pola crise da Covid-19 (automoción e téxtil).

Con todo, segundo apuntan os expertos do Foro Económico no seu Barómetro Exportador (Baexga), albíscanse melloras a curto prazo no sector téxtil, mentres que a automoción lidera a recuperación industrial.

comentarios