O persoal da residencia Valle Inclán concéntrase contra a represión sindical do seu xerente

Piden a readmisión das 22 traballadoras que foron despedidas como represalia por reivindicar os seus dereitos laborais. O resto de insubmisas denuncian que levan meses sen cobrar e sufrindo unha “campaña de coaccións e acoso laboral”. Vídeo no interior.

Protesta do persoal do Valle Inclán na Deputación de Pontevedra
photo_camera Protesta na Deputación de Pontevedra

As traballadoras do centro da terceira idade Valle Inclán de Vilanova de Arousa concentráronse este venres para esixir a readmisión das 22 persoas que foron despedidas como represalia polas súas reivindicacións laborais. O persoal denunciou o “despotismo” do xerente da residencia ante as portas da Deputación de Pontevedra, para demandar ás institucións públicas que tomen partido no conflicto.

“Puxemos unha denuncia para manter un plus que nos querían quitar, e a partir de entón comezou o acoso por parte da dirección”, sinalou a presidenta do comité de empresa, Fernanda Lois, que se encontra entre as afectadas. O persoal asegura que calquera discrepancia co xerente do centro, Enrique Martínez, serviulle a este como pretexto suficiente para proceder aos despedimentos.

A esta situación súmase a das traballadoras insubmisas, que a pesar de non ficar despedidas, foron privadas do seu salario. Algunhas levan catro meses sen cobrar e sufrindo unha “campaña de coaccións, acoso laboral, insultos e maltrato psicolóxico” por parte da dirección do centro. O caso de Carmen Santos, secretaria do comité de empresa, ilustra á perfección os abusos laborais que denuncian.

A maioría das traballadoras levan máis de 20 anos no centro, o que non impediu o seu cese por “supostas faltas de cualificación"

“Son nai dun neno de 9 meses e tentaron impedirme a redución de xornada”, conta Santos, que recentemente gañou o xuízo onde reclamaba o seu dereito a conciliar vida familiar e laboral. Non é a única, pois advirte de que outra compañeira foi despedida polo mesmo motivo.

Recordan que a maioría das traballadoras levan máis de 20 anos no centro, o que non impediu o seu cese por “supostas faltas de cualificación" ou por tratarmos mal aos residentes”, denuncia Fernanda. Os despedimentos comezaron en xaneiro e esta mesma semana producíronse os dous últimos. 

A CIG esixe a implicación das institucións públicas

“O conflito non é unicamente laboral se non social”, considerou Xoan Xosé Bouzas Aboi, da CIG-Salnés. Bouzas recorda que o centro finánciase na súa meirande parte con cartos públicos, en virtude dun convenio coa Xunta e cuantiosas subvencións. Por este motivo, buscan a implicación das institucións, após recibir o apoio dos grupos políticos da oposición de Vilanova de Arousa.

A única victoria legal até o momento foi a de demostraren a cesión ilegal de máis sde 40 traballadores da empresa que xestiona o centro Valle Inclán, denominada Viajes Silgar, a outra de recente creación, Nurtime S.L, pertecente ao mesmo propietario, Franciso Janeiro. No entanto, as traballadoras descoñecen as causas da operación, pero sospeitan de que “hai algo suxo por tras de todo isto”.

Porén, as manobras no rematan aquí, se non que o despedimento masivo de sindicadas ven agora acompañado do intento de revogación do comité de empresa. “Quere realizar novas votacións coa xente que quedou no centro, á que ten coaccionada e atemorizada”, indican, á vez que sinalan que o xerente ameazou con “acabar con toda a que estea sindicada ou forme parte do comité”.

Comentarios