As peaxes galegas engordan Itínere

Itínere ten na Galiza a súa principal fonte de ingresos. A compañía é a matriz das sociedades Audasa, concesionaria da AP-9, e Autoestradas, que leva a AG-55 e a AG-57. Ambas representan case 60% dos ingresos da sociedade, unha porcentaxe que crece ano tras ano polo feito de que as autoestradas galegas son tamén as que máis encarecen as súas tarifas, co conseguinte prexuízo para as usuarias galegas.
Autopista AP-9 ao seu paso polo concello de Pontedeume [Itínere].
photo_camera Autopista AP-9 ao seu paso polo concello de Pontedeume. (Itínere)

Audasa, a concesionaria da autoestrada AP-9, non é a única que fai caixa coa subida das peaxes. A súa matriz, Itínere, ten na Galiza a súa principal fonte de ingresos. A autoestrada que vertebra o territorio entre Ferrol e Tui representou o pasado exercicio 52% dos ingresos por peaxes da compañía. Se sumamos a achega de autoestradas, a empresa que ostenta a concesión das vías AG-55 entre A Coruña e Carballo e AG-57 entre Puxeiros-Val Miñor, a porcentaxe elévase até 57,5%. E vai a máis ano tras ano, xa que as peaxes das autoestradas galegas son as que máis incrementan o seu prezo de todas as concesións de Itínere, segundo recoñece a propia compañía na súa memoria anual correspondente ao exercicio 2018. 

Audasa é a xoia da coroa de Itínere. O pasado ano, as peaxes desta autoestrada supuxeron uns ingresos de 144,1 millóns de euros, algo máis de 3 millóns de de diferenza coas cifras acadadas o exercicio anterior

Audasa é a xoia da coroa de Itínere. O pasado ano, as peaxes desta autoestrada supuxeron uns ingresos de 144,1 millóns de euros, algo máis de 3 millóns de de diferenza coas cifras acadadas o exercicio anterior. No caso de Autoestradas, o importe sitúase en 15 millóns de euros, medio millón máis que en 2017. En total, Itínere ingresou por estes conceptos 276,9 millóns de euros en 2018. En 2019 desaparecerá definitivamente das contas a achega de autoestradas, outra das sociedades do grupo que xestionaba a concesión da AP-1 entre Burgos e Armiñón (Araba), que pasou a mans do Ministerio de Fomento o 1 de decembro de 2018, unha vez rematado o período de concesión.

Para que iso aconteza nas vías galegas aínda teñen que pasar 26 anos no caso de Autoestradas, e 3 máis para Audasa. Até entón, as galegas e galegos que empreguen estas vias deberán seguir pagando por circular por elas, a diferenza das cidadás de territorios como Araba ou as usuarias da AP-7 entre Tarragona, Valencia e Alicante, ou as da AP-4 entre Sevilla e Cádiz, ambas xestionadas en concesión por Abertis e que reverterán ao Estado ao remate do presente mes de decembro, quedando por tanto liberadas do pago da correspondente peaxe.   

Gañar con perdas

Á parte das peaxes físicas que salpican a AP-9 en todo o seu trazado, hai outros treitos que tamén se pagan na sombra, como é o caso de Vigo-Morrazo e A Coruña-A Barcala, que segundo recolle Itínere nos seus estados financeiros, sufriron unha baixada de 45% tras a sinatura dun acordo entre a Xunta e Fomento, polo que esta última asumía as peaxes. Segundo denuncia a propia Itínere, o Ministerio aplicou unha rebaixa na porcentaxe indicada que lle restou 6,5 millóns de euros en ingresos.

Nas súas contas, o grupo de concesións tamén inclúe as compensacións polo impacto das bonificacións nas viaxes de volta no treito Pontevedra-Vigo, que en 2018 ascenderon a 27,6 millóns de euros, dos que 23,17 millóns corresponden ás bonificacións, e os 4,43 millóns restantes á actualización financeira de ditos importes, tamén en obxecto de compensación. Estas bonificacións, polas que as usuarias de toda a autoestrada deberán pagar 0,8% máis do prezo das peaxes en 2020, súmanse ao 1% que se repercutirá cada ano até 2038 aos vehículos que transiten polo vieiro en concepto de amortización dos traballos para a ampliación da ponte de Rande e da circunvalación de Santiago de Compostela.  

Na memoria de Itínere quedan reflectidos os prexuízos ás usuarias galegas. En 2019, o prezo da peaxe entre Campomanes (Asturias) e León subiu 1,71%. Noutra das concesións, a que afecta á autoestrada que conecta Tudela e Irurtzun en Nafarroa, o incremento foi de 2,18%, moi semellante ao que afectou as autoestradas galegas AG-55 e AG-57, de 2,15%. Pero no caso de Audasa, que xa sitúa as súas peaxes entre as máis caras do Estado español, é aínda maior. Os prezos por usar a autoestrada incrementáronse este ano 3,51%, unha porcentaxe maior que a que experimentarán este ano, debido a que a compensación polas bonificacións do treito Pontevedra-Vigo eran este exercicio de 1% en vez do 0,8% que se aplicará en 2020.

Cos cartos recadados practicamente podería rescatarse a concesión, que a compañía valora en 208,3 millóns de euros, polos 6,2 en que cifra a de Autoestradas, claro está, sen contar coa débeda que arrastran estas concesionarias. 

Á voltas coa propiedade

De momento, Itínere ten o negocio asegurado. O que non está tan claro é como vai quedar a súa estrutura accionaria. Dela formaba parte Abanca, xunto con Sacyr e Kutxabank, até que cederon os seus dereitos a Globalvía, outro xigante do sector das redes de transporte. Pero o fondo Corsair, accionista maioritario e rival directo de Globalvía, non está polo labor de facilitarlle o camiño. Ambas sociedades manteñen una pugna legal polo control de Itínere con catro frontes abertas que poderían resolverse antes de Nadal.

Dunha banda está a operación de venda do 55% que controlaban Sacyr, Abanca e Kutxabank no verán de 2017. Corsair, co apoio de Liberbank, accionista minoritario (5,67%), deu ao traste coa operación. Máis tarde, Globalvía contraatacou, pero desta vez Corsair exerceu os seus dereitos para facerse coas accións de Sacyr e Liberbank e controlar así 60% da compañía. Desta vez foi Globalvía quen xudicializou a operación e reclamou 100 millóns a Sacyr por romper o acordo previo que tiñan.

Por último, Globalvía demandou a Itínere nun xulgado de Bilbao por impedirlle entrar no consello de administración en representación de 40% que ostenta na compañía. Queda por ver, pois, como queda o reparto final para saber que empresas van levar os beneficios que Itínere consegue exercicio tras exercicio en parte como consecuencia de rascar no peto de todas as galegas. 

Comentarios