A crise do coronavirus pon en valor o traballo de labregas e gandeiras

O sector primario galego está a permitir que na actual situación de alerta non falten as referencias nos lineais dos supermercados e grandes superficies, pero tamén dos mercados de proximidade.
Vacas pacendo (Europa Press).
photo_camera Vacas pacendo (Europa Press).

Na Galiza son moitas as galegas e galegos que viven do agro e da gandería. O seu papel pasa moitas veces inadvertido. Pero a crise xerada pola pandemia do coronavirus COVID-19 está a poñer en valor un sector primario que mantén a centos de familias no país e que permite que a xente das cidades teña alimentos que levar á boca día tras día. 

Estes días, calquera persoa que vaia a un supermercado pode atopar ducias de referencias producidas na Galiza, un privilexio do que poucos territorios poden presumir e que non sempre está recoñecido polas consumidoras. 

Desde Ulega, a principal organización de produtoras leiteiras do país, con máis de 2.300 asociadas, o seu portavoz, Óscar Pose, recoñeceu a Nós Diario que a situación está a xerar certos problemas como consecuencia do feche do mercado de animais de desvelle e de recría, o que fai que se incrementen os custos de produción por telos máis tempo nas explotacións. 

Iso non impide que o leite chegue aos puntos de venda, onde está a ser un dos produtos máis demandados. Pese a iso, desde a organización sinalan que non existe "ningún tipo de variación importante" na produción. O que si, as negociación de novos contratos coa industria quedaron paralizadas até que a situación se normalice.

A importancia do rural

Pose é dos que pensan que co coronavirus a importancia do sector primario "vese agora reflectida", e confía en que desde certos ámbitos "se recoñeza o valor do rural". Con todo, non albisca moitas esperanzas de que as consumidoras que compran o leite no supermercado sexan capaces de "ver máis alá" e se dean de conta de que para abastecer de leite os lineais "precísase de gandeiros que a produzan" e que, como lembra, están a pasar moitas dificultades económicas para poder producir. 

Nesta mesma liña, desde a Federación Rural Galega (Fruga) e o Sindicato Labrego Galego (SLG) destacan que hai moitas familias labregas galegas que dependen da venda dos seus produtos para subsistir. Porén, a situación de alerta fixo que moitos mercados de alimentos de proximidade fechasen e deixasen a moitas labregas sen posibilidade de dar saída as súas producións. Por este motivo, desde os sindicatos piden aos gobernos municipais a que aposten neste tipo de mercados. 

Dentro dos supostos

Segundo lembran desde Fruga e o SGL, a compravenda de alimentos está protexida dentro da actual situación de emerxencia sanitaria, se ben é certo que se recomenda non celebrar actividades ao aire libre, entre as que se incluíron as feiras e os mercados que supoñan concentracións de máis de 1.000 persoas, polo que os mercados de proximidade que se celebran periodicamente na Galiza non entrarían neste suposto, apuntan desde as organizacións.

Para evitar que as labregas galegas queden fóra destes circuítos de proximidade, tanto Fruga como o SLG comprométense a denunciar aos concellos que decidan fechar estes mercados por facer "unha interpretación excesivamente restritiva das prohibicións sanitarias dirixidas a conter a pandemia do COVID 19 e mesmo contraproducente". Ademais, sinalan, que, a efectos de seguridade, "os mercados locais de alimentos son ao aire libre, non padecen aglomeracións e os produtos que se venden non pasaron polas mans de intermediarios nin doutros consumidores e consumidoras, polo que ofrecen maiores garantías sanitarias cós adquiridos en grandes superficies comerciais. Ademais, estamos a falar de alimentos que, na súa maioría, adoitan a ser de cultivo ecolóxico e frescos e, polo tanto, de maior calidade e máis sans".

Como advirten, unha interpretación errónea da lei "podería empeorar a situación" destas labregas, ao tempo que estarían a beneficiar ás grandes superficies comerciais e a "castigar inxustamente" aos veciños e veciñas que venden e consumen alimentos de proximidade.

Garantir o subministro

Outra das reclamacións que se fai desde o sector primario, desta vez ao Ministerio de Agricultura, é que a situación de alerta non interfira no subministro de sementes e plantas. En concreto, as organizacións agrarias e profesionais do sector pediron ao ministro Luis Planas indicacións "claras" para garantir a normal produción, movemento e distribución de sementes e plantas de viveiro, produtos fitosanitarios, fertilizantes, e calquera outro tipo de ben necesario para garantir a cadea alimentaria.

No caso das forraxes, a Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos para Animais (Agafac) garante o subministro para a cabana gandeira. "No caso de producirse algún caso positivo confirmado nalgunha fábrica de pensos que supoña o feche por corentena da mesma, o resto do sector ocuparase de forma solidaria de cubrir as necesidades das posíbeis granxas afectadas". Tamén desde a asociación piden ás gandeiras "tranquilidade" ante o aluvión de pedidos rexistrados nas últimas datas como consecuencia da situación de alarma e insisten en que o subministro de pensos "está garantido". 

Comentarios