O novo curso comeza cunha suba de prezos: estes son os motivos do aumento da inflación

En termos mensuais (setembro sobre agosto), o IPC baixou 0,4%, o seu maior descenso mensual desde setembro de 2024, cando diminuíu 0,6%.
Un home pon combustíbel nunha gasolineira de Ribadeo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
Un home pon combustíbel nunha gasolineira de Ribadeo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

Á espera de que se coñeza o dato desagregado para Galiza o vindeiro 15 de outubro, o Índice de Prezos de Consumo (IPC) elevou a súa taxa interanual en setembro dúas décimas porcentuais, até chegar ao nivel de 2,9%.

Trátase do rexistro máis alto desde o pasado mes de febreiro, debido a que os prezos dos carburantes e da electricidade baixaron menos do que o fixeron no mesmo mes de 2024, segundo os datos avanzados esta segunda feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

Con esta repunta de dúas décimas porcentuais no noveno mes do ano, o IPC interanual retorna ás subas despois de que en agosto se mantivese en 2,7%, a mesma taxa interanual que en xullo. O organismo explicou que o incremento do IPC en setembro débese a que os carburantes e a electricidade recortaron os seus prezos menos que un ano antes.

"Esta evolución da inflación interanual explícase principalmente polos efectos base nos carburantes e, en menor medida, na electricidade", segundo remarcou o Ministerio de Economía, Comercio e Empresa, liderado polo socialista Carlos Cuerpo.

A subxacente baixa unha décima

O INE incorpora no avance de datos do IPC unha estimación da inflación subxacente (sen alimentos non elaborados nin produtos enerxéticos), que en setembro diminuíu unha décima porcentual, até alcanzar un nivel de 2,3%. Con este descenso, a inflación subxacente rompe con dous meses consecutivos de alzas interanuais.

"A inflación subxacente, que exclúe a enerxía e os alimentos non elaborados, continúa a súa senda descendente cara ao obxectivo do Banco Central Europeo", segundo destacou a este respecto o departamento que dirixe o socialista Carlos Cuerpo.

Os prezos caen 0,4% no mes

En termos mensuais (setembro sobre agosto), o IPC baixou 0,4%, o seu maior descenso mensual desde setembro de 2024, cando diminuíu 0,6%. Pola súa parte, o IPC harmonizado (IPCA) elevou tres décimas porcentuais a súa taxa interanual en setembro, até alcanzar un nivel de 3%, e subiu 0,1% en valores mensuais. A inflación subxacente do IPCA estímase en 2,4% para o noveno mes do ano, segundo o INE.

Comentarios